Comeza a Tempada de Música Clásica de Afundación que se desenvolverá ata decembro no Teatro Afundación de Vigo

17 Outubro 2023

Afundación, a Obra Social de ABANCA, da comezo mañá á súa Tempada de Música Clásica organizada en colaboración coa Sociedad Filarmónica de Vigo que se desenvolverá ata decembro no Teatro Afundación de Vigo.

Abrirá a tempada, o mércores 18 de outubro, ás 20.00 horas, a Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta de Joana Carneiro e acompañada pola frauta de André Cebrián, en cuxo programa se encontran pezas de Mendelssohn, Corigliano e Weinberg.

FELIX MENDELSSOHN
Meeresstille und glückliche Fahrt op. 27
(Mar en calma e próspero viaxe)

JOHN CORIGLIANO
Viaxe para frauta e corda

MOISEY SAMUILOVICH WEINBERG
Concierto núm. 1 para frauta e corda op. 75

FELIX MENDELSSOHN
Sinfonía núm. 3 en Si menor, op. 45 «Escocesa»

Este recital enmárcase en «Quedamos no palco, quedamos coa clásica», unha iniciativa de Afundación para que estudantes poidan desfrutar da música clásica de maneira gratuíta.

Entradas anticipadas á venda dende 11,70 euros en Ataquilla.com


Joana Carneiro | © Afundación

A Tempada de Abonos de Clásica está incluída no programa solidario de Afundación «Cultura por alimentos», mediante o cal as persoas que visiten as actividades da Obra Social de ABANCA poden doar alimentos non perecedoiros a xeito de entrada solidaria nos colectores habilitados ao efecto.

Esta iniciativa solidaria desenvólvese en cooperación con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e grazas a ela colabórase cos bancos de alimentos locais no labor que desenvolven.

A PROGRAMACIÓN DE CONCERTOS

Todos os recitais incluídos na Tempada de Música Clásica terán lugar no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) ás 20.00 horas.

A agrupación Al Ayre Español, especializada en música antiga, ofrecerá un concerto con Alexis Aguado e Kepa Artetxe nos violíns, Aldo Mata no violonchelo, Xisco Aguiló ao contrabaixo e o órgano de Eduardo López Banzo o 23 de outubro.

Continuará a Orquesta Sinfónica de Galicia o día 26 de outubro cun concerto con obras de F. Chopin con Iván Martín como director e solista.

O día 22 de nocembro retornará a Real Filharmonía de Galicia coa estrea absoluta da obra Schattenhaft de Hugo Gómez-Chao, baixo a dirección de Baldur Brönnimann.

Finalmente, a Orquesta Sinfónica de Galicia porá o peche á tempada o 21 de decembro nun recital que contará coa mezzosoprano Lorena Valero baixo a batuta de Cristóbal Soler.

Está pasando!