‘Erguerse’, a mensaxe de esperanza do rock galego presentase este mércores 17 de febreiro

16 Febreiro 2021

A pandemia implicou unha freada en seco do panorama musical. A pesares das dificultades, Deleiba puxo toda a carne no asador para presentar un novo sinxelo de alta octanaxe: ‘Erguerse’.

Desta vez, a banda contou coa produción musical de Iago Pico en Pouland Studios, protagonista de producións de grandes bandas galegas como Nao ou Tanxugueiras.

Nesta nova aventura, a evolución da banda consolídase coa incorporación de novas influencias á base rockeira do quinteto muradán, sempre tinguida por letras que transmiten unha mensaxe de superación ante os obstáculos impostos pola vida e o sistema.

Un videoclip de vangarda

O videoclip inclúe tres historias que xiran en torno á liberdade sexual, os roles de xénero na infancia e a superación persoal ante a perda dun ser querido.

Mostra unha aposta firme pola estética e o sutil, con ubicacións tan emblemáticas como a Fábrica de Sel de Muros, museo marítimo e actual sede do Clube de Remo muradán, berce de moitos deportistas da contorna ao que cada vez se unen máis rapazas.

O video nace dunha colaboración de primeiro nivel baixo a dirección de Daniel Pérez e a fotografía de Pedro Galbán, contando ademais coa produción de Inés Duport e Luis Santaolalla (ambos da produtora Lunes Films) e David Suárez. Xuntos, conforman un equipo que se está a consolidar como referente da nova fornada de profesionais do audiovisual galego.

Un sinxelo preparado para asaltar grandes citas

Deleiba forma parte dos cartaces das vindeiras edicións do festival de punk de grande formato Tsunami Xixón e do Festival das Carrilanas de Esteiro, citas programadas para este verán mais cuxa celebración segue a ser unha incógnita.

Pendentes dunha evolución da pandemia que lles permita voltar aos escenarios, semella máis acertado ca nunca o retrouso deste novo traballo: “Cada vez que me tumben, reunirei as forzas para erguerme”.

Mañá mércores, ás 11:00 h. poderedes desfrutar do vídeo en Youtube e da canción en Spotify e demais plataformas de streaming.

Deleiba

Deleiba nace na vila mariñeira de Muros e supón a xuntanza de cinco músicos de diferentes tradicións musicais con experiencia previa noutros proxectos.

En 2019 estréanse con ‘El Último Eslabón’, un traballo de rock de corte punk moi persoal con varios centos de copias vendidas. En 2020, publican o E.P. ‘MMXX’, no que se amplían os horizontes da banda para culminar coa publicación do single ‘Erguerse’ en febreiro de 2021.

No seu primeiro ano de vida, conseguen formar parte de importantes citas como o Festival Castelo Rock e o Festival Caudal Fest, así como gañan o concurso de bandas de CUAC FM na Coruña. Logo da cancelación dos eventos do ano 2020, neste 2021 seguen formando parte dos carteis do Festival Tsunami Xixón e o Festival das Carrilanas de Esteiro.

Deleiba é sinónimo de emoción en directo. Destaca a actitude frenética do seu vocalista, cunha voz inconfundible que emula os mellores anos do punk estatal. As guitarras acadan un protagonismo cada vez máis elaborado, con pasaxes emotivas e potentes solos. Xunto a unha contundente base rítmica, preséntanse como unha aposta segura para eventos de rock.

Está pasando!