O festival SonRías Baixas desvela o seu cartel para 2025
4 Decembro 2024
SonRías Baixas deu a coñecer hoxe o cartel completo da súa próxima edición, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de agosto de 2025 na localidade de Bueu.
Conseguindo reunir durante as súas tres xornadas a máis de 26.000 asistentes na súa pasada edición, converténdose na máis multitudinaria ata a data, o festival aposta de novo por ofrecer un cartel que inclúa unha proposta musical fresca, sen cinguirse a un só estilo concreto, reunindo unha programación variada estilisticamente na que prima a calidade e que é reflexo da enorme heteroxeneidade que prima na música hoxe en día.
Un ano máis o festival conta entre as súas confirmacións, 24 en total, con algúns dos artistas nacionais máis importantes e relevantes do panorama musical actual (Dani Fernández, o vigués Sen Senra, Judeline ou Carolina Durante), ás que se unen proxectos consolidados de moi diversos xéneros e procedencia (Alizzz, Niña Polaca, Nena Daconte, Delaporte, Marlena ou Vega).
Ademais, SonRías Baixas seguirá en 2025 apostando por incluír unha nutrida representación de bandas emerxentes (Melifluo, Griso e Maestro Espada), predominando en moitas delas o talento feminino (Cariño, Shego, Pipiolas) e galego (Carlos Ares, The Rapants, Grande Amore, Capital Voskov e Luís Fercán), e que chegan forte para reivindicarse como a nova e prometedora xeración da nosa música.
De novo o festival mantense fiel á súa aposta por ofrecer un cartel no que as mulleres xogan un papel determinante, estando constituídas integramente por mulleres ou contando con elas entre as súas filas máis da metade das bandas que visitarán o festival en 2025. Ademais, xoga un importante papel como dinamizador da economía local, xerando en 2024 un impacto económico no territorio de 2,3 millóns de euros e dando traballo pre, durante e post a súa celebración a case 1000 persoas.
Este labor foi recoñecida nos Iberian Festival Awards, que outorgaron ao festival o premio na categoría Best Touristic Promotion. Este premio é xa o terceiro IFA que recibe o evento, tras ser galardoado en 2020 co Excelence Award para Jordi Lauren, director do festival, e co correspondente a Best Communication & Marketing Strategy na edición de 2022.
ABONOS, E UNHA SORPRESA
Os abonos poñeranse á venda o vindeiro luns 9 de decembro ás 12h a través da páxina web do festival, sonriasbaixas.info, e Enterticket, con posibilidade de adquirir a acampada para os tres días e precargar de maneira anticipada a pulseira. O prezo de saída do abono será de 54,90 €, gastos de xestión incluídos.
Pero antes de poñer á venda as entradas, para mañá xoves día 5 de decembro, o festival ten reservada para esta 22ª edición unha sorpresa moi especial, que fará as delicias daqueles fans que son fieis asistentes e seguidores do evento desde os seus inicios.
MÁIS SOBRE OS ARTISTAS DE SONRÍAS BAIXAS 2025…
Un dos pratos fortes desta edición será o protagonizado por Dani Fernández. Consolidado xa como un dos artistas novos máis importantes da escena española, presentará o seu disco “La Jauría”, precedido polo éxito de sinxelos como “Todo Cambia”, “Criminal” ou “Me Has Invitado a Bailar”, e que conseguiron, do mesmo xeito que outros incluídos nos seus anteriores traballos (“Bailemos”, “Clima tropical”, “Dile a los demás”) fulminar récords de escoitas en plataformas dixitais. Producido por Pau Salazar, o álbum conta con temas cociñados a lume lento, no que o artista recorre á imaxe mental da “jauría” para definir á sociedade, reflectida como unha multitude disposta a opinar e xulgar calquera tema ou persoa, moitas veces sen ningunha lóxica nin análise nin espírito crítico.
Outro artista novo que experimentou un crecemento exponencial nos últimos tempos é Sen Senra. Inmerso na creación dunha triloxía, da que xa coñecemos dous volumes, o galego segue mesturando con mestría un son internacional urbano con influencias americanas e a súa esencia vangardista e intimista, facturando en “PO2054AZ” I e II temas brillantes, como “No Quiero Ser Un Cantante”, “Uno De Eses Gatos”, “Un cielo azul” ou “Hermosa Casualidad”, e amosando ser un artista con capacidade para sorprender e rachar os moldes establecidos.
Vangardista, rompedor e sen dúbida artífice dalgúns dos grandes hits nacionais dos últimos anos no seu labor de produtor para artistas como C. Tangana, Rosalía ou Lola Índigo, Alizzz visitará por primeira vez Bueu para presentar os seus dous álbums como solista, “Conducción temeraria” e “Tiene que haber algo más”. Sen nada que envexar ao seu labor tras a mesa de mesturas, a súa directa aposta polas guitarras noventeiras, os sintetizadores e temas cheos de ganchos como “Despertar”, “Ya no siento nada”, “Amanecer”, a súa colaboración con Rigoberta Bandini, e “El Encuentro”, xunto a Amaia.
Precisamente por Alizzz foi descuberta Judeline, e a de Caños de Meca converteuse nunha das sensacións musicais máis interesantes dos últimos tempos. Contando xa con colaboracións con artistas da talla de Duki, Tainy ou Dellafuente, a moza andaluza presentará en Bueu o seu primeiro álbum, “Bodhiria”, no que segue fusionando a súa persoal voz con composicións que mesturan pop, flamenco e electrónica dunha forma intimista e profundamente hipnótica e xenuína.
Para os amantes da música de guitarras, Carolina Durante chegarán ao festival ostentando o posto de ser a banda máis importante da súa xeración, responsables en boa medida do rexurdimento do rock e o pop electrizado. O cuarteto, que foi desenvolvendo unha carreira que se move entre o éxito masivo e o culto que lles profesa o seu aceso grupo de fans, presentará o seu terceiro álbum, “Elige tu propia aventura”, ademais dunha decena de himnos xeracionais nos que reflexan con mestría as miserias e ilusións de toda unha xeración.
Confirmamos tamén que Niña Polaca, quen afronta un dos mellores momentos da súa carreira con tres concertos seguidos na Riviera, visitarannos por primeira vez, xa como uns imprescindibles nos festivais nacionais e defendendo os seus temas xa convertidos en clásicos, como “La muerte de Mufasa”, “Willy”, “Pinta Malasaña”, “Nora” ou “San Francisco el Grande”, por citar só algúns dos incluídos nos seus tres álbums de estudo publicados ata a data.
Fieis tamén a vivir o momento presente desembarcarán no SonRías Delaporte, baixo a súa máxima “El techno cura” e presentando o seu quinto álbum “Aquí y ahora”, cunha proposta que transmite enerxía contaxiosa, nunha celebración próxima ao trance con cancións compostas para defender en directo, bailando e gozando ao máximo, con Sandra e Sergio facendo unha declaración de intencións vitais e mantras para repetirnos tamén cando as cousas non van “tan ben”.
A experiencia tamén é un grao, e iso ben o sabe unha das voces máis recoñecibles e recoñecidas da Historia do pop en español, Nena Daconte. Mai Meneses aproveitará a súa primeira visita a Bueu para repasar o seu repertorio infestado de hits, e tamén presentará novas cancións. Premiada con numerosos galardóns a toda unha carreira e sen dúbida recoñecible por todos grazas ás súas emocionantes letras sempre cargadas de amor, desamor e outras sensacións do mundo adulto, sempre mantendo o seu estilo tan único e persoal que a fixo unha das artistas imprescindibles da nosa música.
Igualmente, veterana, con máis de 20 anos de traxectoria profesional ás súas costas, Vega chega a Bueu como mostra de muller sobrevivente e adaíl dunha carreira alternativa, coroada con esforzo, constancia e determinación, fóra dos leitos e tendencias habituais da industria musical española. Presentará o seu novo traballo “IGNIS”, décimo da súa colección particular e en representación dun camiño cara á liberdade creativa e persoal a través do seu imaxinario melódico propio e unha lírica irrepetible onde o éxito reside en ser, estar e seguir sendo parte da industria sen renunciar a todo o que a distingue e define.
A mocidade e moitas ganas de comerse o mundo están este ano excelentemente representadas por varias formacións: shego estréanse no festival ostentando o título de gañadoras do Premio MIN a Mellor Artista Emerxente 2023 e do Premio +Músicas a Mellor Gravación de Rock este ano, e presentarán o seu segundo disco, “No lo volveré a hacer”, cheo de cortes frescos, descarados e, en definitiva, irresistibles grazas ao seu descaro e a letras directas e mordaces.
Cariño, pola súa banda, tamén chegarán ao SonRías con novo álbum debaixo do brazo, “Tanto por decir”, o terceiro nos seus seis anos como banda e que supón unha nova colección de temas con gancho melódicos irresistibles con linguaxe infestada de sentido do humor e que reflicten a realidade das súas vidas, ás veces boas outras non tanto, de forma que conectan fortemente con todo Xen-Z que se pare a escoitalos.
Ademais, o dúo formado por Adriana Ubani e Paula Reyes ou, o que é o mesmo, Pipiolas, presentará o seu pop cheo de arestas e fantasía. Utilizando unha linguaxe musical propia, madura, fresca e tremendamente divertida, non faltarán no seu set hits do seu repertorio e grandes colaboracións como “Todas Las Horas”, con Ginebras, “La Niña Bonita”, con Rigoberta Bandini ou “Llorarme”, con Kiko Veleno.
Pola súa banda, Marlena volven ao festival tras coroarse na Sesión Vermú deste pasado agosto, onde todo o público gozou ao máximo coreando xunto a Ana e Carolina os versos de ‘Me Sabe Mal’, ‘Red flags, ‘bailamorena’ ou ‘Último Baile’. Autenticidade e un directo enérxico e que xera unha gran comuñón cos asistentes nunha nova oportunidade para gozar dunha das propostas con máis proxección do noso país.
Outra formación que protagonizou memorables momentos nas Sesións Vermú de anteriores edicións é Grande Amore. Tras un parón estes últimos meses, o trío encabezado por Nuno Pico regresará á carga o próximo verán e volveremos terlle sobre as táboas en Bueu, tras deixar o listón ben alto grazas aos seus explosivos concertos cheos de stage dives, enerxía e actitude punk. Como el mesmo diría, “Que pode saír mal?”
Máis e de altísima calidade, a representación local estará a cargo de Carlos Ares, que porá un pé en Bueu con todas as miradas recaendo no seu proxecto tras un álbum debut, “’Peregrino”, que viu a luz a principios deste ano e que reúne as súas raíces galegas, o amor polo rural e a simplicidade na creación, nunha proposta orgánica e vangardista que unida á súa voz única e auténtica farán dos seus concertos uno dos momentos imperdibles do día. Ademais, Luís Fercán estreará no SonRías o seu cuarto disco, “Postales perdidas”, un disco a corazón aberto, persoal e directo e que acompañado pola súa voz rachada e de tímbrica sedutora e potente garanten un concerto memorable cheo de maxia.
Desde Muros chegan Capital Voskov, que defenderán sobre o escenario o seu álbum “Abrir el juego”, cargado de temas de indie electrónico interpretados en galego e castelán e tras presentar a súa música por salas e festivais de toda España. Da mesma cidade e tras o seu paso o ano pasado por Bueu volveremos contar coa “máquina del buen rollo” de The Rapants, que ofrecerán sen dúbida un show cheo de actitude e diversión para defender os temas do seu cuarto álbum de estudo.
Desde Murcia e reivindicando as sonoridades, emocións e composicións ancestrais da súa terra, o festival contará en 2025 cunha das revelacións underground da tempada, Maestro Espada, quen presentará os doce cortes do seu álbum homónimo e debut no que revisitan un dos folclores máis ignorados de España, mesturado con tinguiduras futuras e electrónicas e facendo de novo unha chiscadela a que a música popular non ten por que estar rifada coa experimentación.
Melifluo visitarán por primeira vez Bueu, e farano estreando formación: Aos irmáns Juan Carlos (batería de Supersubmarina) e Antonio Gómez Parrilla uníronse con vistas a confeccionar un segundo álbum Jay (guitarra de Supersubmarina), Edu (guitarra) e Juanan (baixo), polo que no SonRías podemos gozar da formación ao completo, cun son máis compactado e ofrecendo un enérxico directo para defender as súas novas cancións. Tamén, e tras sufrir cambios no seu proxecto nos últimos tempos, non se perderá esta 22ª edición do festival Griso, anteriormente 50% de Arnau Griso, e que presenta nova música xa como solista, máis madura e mesturando rock con R&B, funk e folk.
Para pechar as xornadas, contaremos con dj sets a cargo de JuancaSupersub (tamén en Melifluo) e daremos a benvida de novo a NDLR nun set que conseguirá, como xa fixo fai dúas edicións, manter a todos os asistentes a lume de biqueira de enerxía ata o peche de unha nova edición que promete ofrecernos, un ano máis, grandísimos momentos para o recordo.
SonRías Baixas é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados tamén do recentemente presentado BIGSOUND Pontevedra. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu; e o patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas a través da marca Rías Baixas Fest, e da Xunta de Galicia. O evento tamén conta co patrocinio de El Águila.