‘Misericordia’ | Alain Guiraudie, 2024, Francia, 104 min.

O programa de maio do Cineclube Pontevedra bota a andar esta tarde coa estrea de ‘Misericordia’ do francés Alain Guiraudie

6 Maio 2025

Durante o mes de maio poderanse ver no Cineclube Pontevedra dúas recentes estreas ‘Misericordia’ (2024) e ‘A historia de Souleymane’ (2024), os últimos traballos dos franceses Alain Guiraudie e Boris Lojkine, respectivamente.

O primeiro foi presentado en Cannes e gañou na Seminci o premio a Mellor Filme e Mellor Guión. O de Lojkine fíxose co premio do Xurado na sección Un Certain Regard de Cannes, onde tamén gañou o premio ao Mellor Actor.

Ademais, proxectarase o filme belga ‘Rien à foutre’ (2021), ópera prima de Julie Lecoustre e Emmanuel Marre protagonizada por Adèle Exarchopoulos.

Os luns continúa o ciclo dedicado a Leon Hirszman que comezou en abril e que se completará neste mes de maio cunha sesión de curtametraxes conformada polos dous primeiros traballos do brasileiro e mais por dúas pezas centradas na samba, e coa proxección de ‘S. Bernardo’ (1972), considerado un dos mellores filmes latinoamericanos de todos os tempos.

Queda pendente a recolocación do filme ‘ABC da greve’, que non se puido proxectar en abril por causa do apagamento.



Todas as sesións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.


MARTES 6 DE MAIO

‘Misericordia’ (Alain Guiraudie, 2024, Francia, 102 min., VOSE, Lingua orixinal: francés, Non recomendada para menores de 16 anos)

Jérémie regresa á súa vila natal para asistir ao funeral do seu antigo xefe, Jean-Pierre. Decidiu ficar uns días en casa de Martine, a súa viúva. Pero unha misteriosa desaparición, un veciño ameazante e un estraño sacerdote van facer que a breve e tranquila estancia de Jérémie acade un xiro inesperado.

Presentado na sección Première de Cannes 2024

Mellor Filme e Guión na Seminci 2024


LUNS 12 DE MAIO

SESIÓN DE CURTAMETRAXES DE LEON HIRSZMAN

‘Pedreira de São Diogo’ (Leon Hirszman, 1962, Brasil, 18 min., VOSE)

Primeiro filme do director e un dos episodios de ‘5 vezes favela’, serie de curtametraxes producidas polo Centro Popular de Cultura da União Nacional de Estudantes (CPC) e carta de presentacion do Cinema Novo a principios dos anos 60. Coa suposta influencia das teorías da montaxe de Eisenstein e marcado por un forte idealismo político, o episodio segue o drama vivido polos traballadores dunha canteira de Rio ante a orde de intensificar as explosións.

‘Maioria absoluta’ (Leon Hirszman, 1964, Brasil, 20 min., VOSE)

Retrato da vida cotiá e a miseria extrema do campesiñado analfabeto do nordeste do Brasil, ao que non lle está permitido votar. O filme dálle voz á poboación analfabeta a través de testemuños, estatísticas e datos históricos que deitan luz sobre o problema do latifundio na estrutura agraria brasileira. Coa chegada do Golpe militar en 1964, foi censurado e prohibiuse a súa exhibición ata 1980.

‘Nelson Cavaquinho’ (Leon Hirszman, 1969, 13 min., VOSE)

Rexistro fermoso e punxente do sambista Nelson Cavaquinho e a súa contorna, conversando e tocando con amigos e veciños, na casa, no bar, no patio. Escenas da vida no barrio mestúranse con recordos e improvisacións e compoñen un retrato complexo, alegre e melancólico, do compositor e da súa comunidade.

‘Partido alto’ (Leon Hirszman, 1982, 22 min., VOSE)

Documento histórico e homenaxe sincera ao partido alto, tradición cultural da samba carioca que ten como característica central a improvisación e a espontaneidade. Este valioso filme de 1976 con declaracións memorables da vella garda, non só rexistra a manifestación dunha certa pureza musical, a sinxeleza e o espírito de comunidade, senón que se posiciona firmemente contra a crecente estandarización da samba, imposta polas demandas do mercado.


MARTES 13 DE MAIO

‘Rien à foutre’ (Julie Lecoustre e Emmanuel Marre, 2021, Bélxica, 110 min., VOSE, Lingua orixinal: francés e inglés)

Cassandre (Adèle Exarchopoulos) é azafata de voo nunha compañía low-cost. Sempre disposta a facer horas extra, vive ao día, sumando voos e festas, fiel ao seu alcume de Tinder: Carpe Diem. Logo de ter un incidente no traballo vese na obriga de volver á casa xunto á súa familia e enfrontarse a aquilo que estaba a evitar. Rien à foutre é unha historia contemporánea sobre a soidade e a incerteza nunha época en que a tecnoloxía deixa relacións cada vez máis distantes e un estado perpetuo de insatisfacción.

Mellor Filme no Festival de Xixón 2021 (Sección Retueyos)


LUNS 26 DE MAIO

‘S. Bernardo’ (Leon Hirszman, 1972, Brasil, 114 min., VOSE)

Paulo Honório é un home alienado con ansias arribistas que logo de facerse con algo de capital arrebata a facenda S. Bernardo das mans do seu inepto propietario e futuro empregado Luís Padilha. No camiño, aprende a colocar os homes, coma se fosen cousas, cada un no seu lugar; a acumular bens e capital. Cando casa con Madalena, muller letrada e humanista, esta móstrase preocupada polas condicións dos traballadores e esperta a loucura no seu marido.

Adaptación da novela homónima de Graciliano Ramos. Obra mestra do cinema brasileiro considerada por moitos como unha das mellores películas latinoamericanas de todos os tempos.


MARTES 27 DE MAIO

‘A historia de Souleymane’ (Boris Lojkine, 2024, Francia, 92 min., VOSE, Lingua orixinal: francés)

Souleymane é un mozo guineano que abandonou o seu país na procura dunha vida mellor. Mentres pedalea polas rúas de París traballando como repartidor de comida, Souleymane vai repetindo a súa historia. O seu destino pende dun fío: en dous días ten que pasar a entrevista para pedir asilo, o que é fundamental para conseguir os seus papeis. Mais Souleymane aínda non está preparado.

Premio do Xurado e Mellor Actor en Cannes 2024 (Un Certain Regard)

Mellor Actor en Xixón 2024

Está pasando!