Área Arqueolóxica da Caeira | © Turismo de Poio

A Área Aqueolóxica da Caeira, un lugar privilexiado desde onde observar o patrimonio de Poio nun Verán Único

29 Xullo 2024

  • Continúa a campaña para difundir recursos turísticos “exclusivos de Poio” entre visitantes e veciños durante o período vacacional, recordando que “temos un patrimonio natural e cultural extraordinario onde se poden vivir experiencias únicas”
  • Desde a Concellería de Turismo convidan a coñecer o Parque Arqueolóxico da Caeira, en San Salvador, un conxunto con arte rupestre de hai máis de 4.000 anos e desde onde se pode desfrutar da vista panorámica máis espectacular da ría e as terras de Pontevedra
  • Todos poden participar na campaña “visitando o lugar escollido cada semana, collendo o móbil para sacar unha foto ou un vídeo, compartilo e presumir de Poio”

A Área Arqueolóxica da Caeira e o seu miradoiro son os protagonistas esta semana da campaña Un Verán Único, posta en marcha pola Concellería de Turismo de Poio para difundir atractivos turísticos específicos do municipio entre visitantes e veciños.

Así, segundo a concelleira responsable da área, Rocío Cochón: “Queremos poñer en valor algúns dos recursos turísticos que nos converten precisamente nun destino de calidade, máis aló do ‘sol e praia’”. “Ademais, queremos chegar a viaxeiros potenciais pero tamén á nosa propia veciñanza, para que teña claro que en cada unha das nosas parroquias, a poucos metros da súa casa e sen saír de Poio, temos un patrimonio natural e cultural extraordinario onde se poden vivir experiencias únicas”, explicou

Na faldra do Monte da Tomba, na parroquia de San Salvador atópase unha desas experiencias, a Área Arqueolóxica da Caeira, un complexo de máis de 10.000 metros cadrados onde se atopan oito rocas con figuras gravadas en granito durante a Idade de Bronce, hai uns 4.000 anos.


Área Arqueolóxica da Caeira | © Turismo de Poio

De entre todos os petróglifos, as paradas principais son son a Pedra Grande de Montecelo, unha gran rocha con múltiples gravados xeométricos, e a Laxe das Lebres, outra pedra gravada de gran tamaño representando un gran número de cervos, sendo un dos petróglifos máis coñecidos de Galicia. Os visitantes poden camiñar por entre estes petroglifos e descubrir arte rupestre milenaria mediante sendeiros e plataformas de madeira que percorren o complexo, con indicacións das distintas paradas.

Desde o Concello recordan que non se deben tocar nin manipular os gravados e as rochas, danar a vexetación ou saírse das plataformas e sendeiros habilitados. Ademais, é importante non botar lixo nin deixar restos das visitas. Aconsellan tamén visitar a Área nas primeiras horas da mañá, xa que la luz é a mellor para observar os petróglifos con detalle.

Pero a Área Arqueolóxica agocha outro tesouro: o Miradoiro da Caeira, unha panorámica privilexiada da Ría e as Terras de Pontevedra, que para Cochón é “sorprendente e espectacular”, xa que permite ver a práctica totalidade de San Salvador, ademais da cidade do Lérez e boa parte das Terras de Pontevedra. Este miradoiro está situado no acceso superior á Área Arqueolóxica.

“En conxunto, un lugar excepcional onde coñecer o noso patrimonio arqueolóxico e desde onde observar o noso patrimonio natural e paisaxístico”, subliñou Cochón. Destacou tamén que é un recurso ideal para a iniciativa Verán Único, xa que “hai moitos veciños de San Salvador e do resto de Poio que non visitaron ou non coñecen este recinto marabilloso, ideal para visitar en familia e cos ollos e a mente ben abertos”.

“En resumo, desde esta Área que nos conecta co noso patrimonio, co noso pasado, presente e futuro, convidámosvos a todos a desfrutar un Verán Único en Poio”.

Desde o departamento de Turismo animan á veciñanza a participar na campaña “visitando estes lugares e sacando o móbil para presumir de Poio”, compartindo as súas propias imaxes e vídeos do lugar escollido cada semana, etiquetando a @turismodepoio.

Está pasando!