A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro

4 Febreiro 2021

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, a AELG propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da web www.aelg.gal

Para a edición de 2021 Anna R. Figueiredo é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 27 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumaron ás propostas que a entidade remitiu a concellos, asociacións e centros de ensino.

Actos promovidos pola AELG

Acto central. Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), Santiago de Compostela

A AELG organiza o acto central do Dí­a de Rosalía de Castro, o sábado 27 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela.

Propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para a celebración do Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino

A proposta realízase en base a un escenario de actuación cos centros de ensino bastante pouco habitual debido á problemática da COVID-19.

A proposta trata de unir a idea da música na literatura, a música en Rosalía e a reinvención da nosa tradición lírica-poética-musical en torno á figura senlleira da poeta. A música serve para curar, salva distancias, comunica, únenos e hai poucas cousas que sexan tan universais como a necesidade de cantar, para expresar dor ou ledicia. Tamén en Rosalía. Neste ano no que as visitas aos coles están medidas, no que precisamos unha nova canción para anovar o mundo, como as baleas cando nacen, sementemos música e retrousos que nos fagan confraternizar e recoñecernos malia levar a cara tapada.

A proposta didáctica para o Día de Rosalía ten os seguintes obxectivos:

Dinamización e coñecemento dos versos de Rosalía e a súa figura nas aulas: integración do legado rosaliano nas novas tecnoloxías empregadas polo alumnado, proposta da obra da nosa artista emblemática como elemento de recuperación e reinterpretación das raíces da literatura e a creación de novos medios de arte e comunicación.

A Rosalía innovadora: a figura de Rosalía é unha representación da modernidade e actualidade no seu tempo e debe ser comprendida tamén coma un motor de movernos cos tempos e de crear a nosa propia identidade aproveitando as vantaxes ambientais de tecnoloxía e sociedade do momento. Tamén aproveitándonos, no que se poda, dos obstáculos. A figura de Rosalía é resiliente, forte, emerxe de entre as dificultades e propón novas vías de expresión da literatura, da linguaxe e da lingua.
Rosalía como persoa do seu tempo e semente de futuro, creadora dun alicerce sólido e reivindicado cara a igualdade e a normalización da lingua e do patrimonio inmaterial e material galego.

Propostas didácticas:

A proposta didáctica para coñecer, reinterpretar e difundir a obra de Rosalía, baséase na creación dun vídeo curto apto para o consumo en redes sociais (para o alumnado de máis idade) ou para difusión no propio centro, en circuítos pechados ou cara ás familias (no caso de alumnado de menor idade). Para facelo, desde a AELG, ofrecemos diversos xeitos de participar:

Neste ano, tendo en conta a situación sanitaria correspondente e tamén os ánimos que aniñan nas aulas, reivindicamos a idea de Rosalía de Castro desde a música, desde o ritmo do poema, desde a actualidade e o espírito de liberdade, superación e anovador da poeta chegado aos nosos días. Podemos cantar, podemos expresarnos a través do movemento, podemos concentrar os sentimentos que se revolven no noso interior a través da modulación da voz. Ela xa o fixo, deixando textos que reivindican a nosa realidade, malia estaren escritos hai ben de anos.

Ela xa o fixo a través da visión política da paisaxe, do feminismo, da forza, do tesón, do amor e da dor, a través dos camiños líricos e narrativos, das accións. Ela deixou un legado que podemos recoller e levar ás nosas realidades de aula. Ante as condicións de supervivencia, atopemos esas forzas que nos anovan, que manifestan as dores e as ledicias a través da voz e do xeito de cantar.

Desde a AELG convídannos a participar no festexo de Rosalía de Castro a través das seguintes propostas para o día 24 de Febreiro (mércores) de 2021, a propia semana ou para facelas perdurar no tempo tendo en conta o carácter eterno da nos Rosalía.

+info. actividades e propostas didácticas en axendacultural.aelg.gal

CARTAZ 2021 PDF

Está pasando!