Dany Moure | © Asociación Cultural ‘Nothing but the blues’

A asociación ‘Nothing but the blues’ homenaxeará a Dany Moure cun concerto no que participarán máis de 50 artistas

29 Abril 2024

  • O colectivo conta co apoio do Concello de Pontevedra para realizar este evento especial o vindeiro 4 de maio, na zona das Palmeiras, ao carón da Alameda
  • O concerto ten como obxectivo «celebrar a vida cantando» tal e como lle prestaba ao homenaxeado, ofrecendo un evento cheo de música rock, blues e soul

Pontevedra vivirá un reencontro coa música de Dany Moure (e outras ducias de cancións que irán do blues ao soul, pasando polo rock) o sábado 4 de maio. A asociación ‘Nothing but the blues’, en colaboración co Concello de Pontevedra, organiza e promove un concerto homenaxe ao artista pontevedrés, finado o pasado ano, onde actuarán máis de 50 músicos.

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, lembrou na presentación desta cita que Dany Moure foi unha persoa que deixou unha onda pegada en Pontevedra, «ademais de nos corazóns da xente». «Quen tivemos a sorte de tomar algo con el e escoitalo ao vivo, máis aínda os seus amigos e familia, saben que era unha persoa especial e da que un nunca se esquece».

Gómez definiu a homenaxe do 4 de maio «como unha festa», que se iniciará ás 18.00 horas, no paseo de Rosalía de Castro (nas Palmeiras) onde os músicos e músicas que se suban ao escenario o que máis lle prestaba a Moure: «tocar e facer que o blues e o rocanrol estivesen sempre con todos nós». «Foi unha persoa que nos fixo gozar desta música e o Concello sempre estará encantado de colaborar con ‘Nothing but the blues’ para que esta gran festa poida ser realizada todas as veces que faga falta».


Presentación da homenaxe a Dany Moure | © Concello de Pontevedra

Doutra banda, a presidenta da asociación, Katia Palmeiro, lembrou que a data escollida non é casual, indicando que sería o aniversario do nacemento de Dany Moure, e que cumpriría 45 anos este 2024. «Que mellor que xuntarnos para facerlle o mellor regalo posíbel que era subir ao redor de 50 persoas enriba dun escenario para levar a festa ao máis arriba posíbel, aos lados, cara diante, cara atrás… do xeito máis explosivo que saibamos», indicou.

Palmeiro invitou a toda a cidade a gozar desta cita e desta celebración, aberta a todo o mundo, coa música como base. «A Dany encantáballe celebrar a vida cantando, e se non se me ocorre agasallo mellor ca este. É o primeiro evento que realizamos a través desta asociación e pareceunos o máis apropiado».

O colectivo sen ánimo de lucro tamén quixo indicar que aínda é posíbel colaborar no crowdfunding que se lanzou para poder realizar este evento —que xa logrou o seu obxectivo—, e agradecen a colaboración de as persoas que o farán posíbel. Ademais, todos os músicos participantes farano de xeito altruísta.


Está pasando!