Presentación da Romaría de San Sebastián | Concello de Pontevedra

A Asociación Polavila busca “converter Pontevedra no epicentro do folclore” coa recuperación da Romaría de San Sebastián

8 Xaneiro 2026

  • Entre o luns 12 e o venres 16 terán lugar diferentes obradoiros de percusión e canto tradicional, afinación, empalletado, traxe popular, etc.
  • A proposta busca “converter Pontevedra no epicentro do folclore” e contará no desfile que partirá da Praza de España ás 12.00h. con diversas agrupacións da cidade.
  • O pregón correrá a cargo de Maruxa dos Rosales e ao longo do día, haberá numerosas actuacións entre as que cabe destacar o grupo Donaire de A Coruña. Ás 22.30h. terá lugar unha foliada aberta.
  • Como toda romaría contará cun apartado gastronómico, con propostas tradicionais coma o pan de millo e ovo, petote e filloas e non faltará tampouco a artesanía.

O edil de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou esta mañá a recuperación da Romaría de San Sebastián da man da Asociación Cultural Polavila.

Acompañado de Miguel Fraguas, Sagrario Pérez e Juan Carlos Iglesias, debullaron a programación da proposta que pretende “converter Pontevedra no epicentro do folclore e o segundo andar do mercado nun torreiro”.

“Presentamos nesta primeira rolda de prensa do ano unha nova festa porque o sábado 17 de xaneiro e, en realidade toda a semana que vén, temos unha Romaría de San Sebastián que nos encantaría que se vise por Pontevedra o traxe tradicional tan marabilloso que temos en Galiza”, avanzaba o edil.

“Para iso esta romaría vai contar cun desfile de ‘Orgullo Gaiteiro’ desde a Praza do Concello ata o Mercado que agora explicará Miguel Fraguas de Polavila, que debullará toda a programación e quen son os oito grupos que van participar no desfile. A este desfile seguirá unha xornada de romaría con música, baile, xantar, artesanía, etc. E previamente, durante a semana, hai que preparar a romaría polo que temos toda unha semana de obradoiros e programación intensa que argallou a asociación Polavila á que temos que agradecer ese magnífico traballo. Queremos convidar aos pontevedreses e pontevedresas a participar da festas e se poden, que se sumen co traxe tradicional”.

Miguel Fraguas, da asociación Polavila foi o responsable de avanzar o programa da xornada que botará a andar co pasarrúas ‘Orgullo gaiteiro’ con formacións sobre todo de Pontevedra. “Estarán os Alegres de Pontevedra, Gaiteiros das Rías Baixas, As Piruchas, Fervellos do Pío, Os Lerenses, estaremos nós, Polavila e a Asociación do Traxe Tradicional de Pontevedra.

A idea é devolver o folclorismo ás rúas de Pontevedra. Todos nas casas temos un traxe e por que non ese día, como se facía noutrora, saír á rúa e vestilo con orgullo. Esa comitiva vai chegar á Praza de Abastos cara ás 13.00h. onde haberá sesión vermú a cargo da charanga Polavila.

Alí teremos o pregón a cargo de Maruxa dos Rosales, unha figura capital do folclore galego e auténtica memoria viva da nosa tradición. Foi pioneira na profesionalización da gaita, unha muller referente e unha lenda viva do noso patrimonio cultural.

Teremos actuacións durante toda a tarde coas Pandeireteiras de Fentos e Frouma, O Son das Corbaceiras, O Son do Peto, etc. e teremos unha mostra de folclore: trouxemos de A Coruña un dos grupos máis importantes do país, que é Donaire. Van facer un percorrido polas diferentes formas de folclore.

Teremos tamén As Pandeireteiras do Gorgullón, o grupo Celme que vai facer unha exhibición de baile, os pandeireteiros Os Morenos Peludos, continuaremos co Comando Curuxás que van converter o Mercado nun torreiro. E pecharemos cunha gran foliada”.

Apuntaba Sagrario Pérez que, como en toda festa tamén hai que comer algo tradicional como pan de millo e ovo, dos tempos da fame, o petote e as filloas, para traer alimentos que enchían os nosos bandullos e que son importantes porque hai que repoñer enerxías. Non faltarán tampouco os postos de artesanía de todos os tipos e luthiería.

Juan Carlos Iglesias foi o encargado de presentar o programa de obradoiros que terán lugar do luns 12 a xoves 15 na Casa Azul e o venres 16 xa no Mercado. “Moitos deles teñen xa as prazas cubertas, enchéronse en apenas horas desde que os presentamos.

O luns serei eu o encargado da actividade de empalletado e afinación de gaita galega, o martes teremos obradoiro de traxe popular da man de Ana Nogareda, o mércores será o curso de canto tradicional por Lola de Ribeira, o xoves da man de Miguel Fraguas teremos o curso de percusión e o venres xa con Xan de Outeiro, o obradoiro de baile tradicional que por espazo e comodidade será xa no propio Mercado. A solicitude de praza ou lista de agarda son a través do enderezo electrónico romariadesansebastian@gmail.com

A boa acollida das actividades deixa claro que a xente ten interese e, tal e como apuntou Fraguas, “Pontevedra é un referente no mundo do folclore. Aquí xente coma Perfecto, Antón Fraguas ou Portela foron referentes que inspiraron aos demais para continuar.

Pensamos que Pontevedra está chea de folclore, temos que ter o noso espazo por dereito e recuperar ese San Sebastián, esa romaría da que eu teño lembranza de cativo: a comida, o xogo e sobre todo a música.

Daquela os meus avós xa algunha prenda levaban e con moito orgullo, por iso convidar á xente a que vista unha faixa, unha monteira. Sería xenial que a xente fixera o percorrido con nós, co traxe tradicional”.

Está pasando!