Presentación dos traballos gañadores do concurso de carteis do San Xoán de Poio 2025 | Concello de Poio

A aula Infantil B do CEIP de Viñas, Elia Millán, Alba Contra, Ana Mila Schulte e Emilia Hannah Beck, gañadores do concurso de carteis do San Xoán de Poio

28 Maio 2025

  • O deseño de Emilia Hanna será a imaxe oficial da cartelería da festa que se celebra en xuño.
  • O concelleiro de Festexos, Fran da Silva, destaca a importante participación, con preto de 500 traballos presentados.

O concurso de carteis do San Xoán organizado polo Concello de Poio xa ten gañadores. Na categoría A, de 5 a 6 anos, os gañadores son os alumnos e alumnas da Aula de Infantil B do CEIP Viñas, que presentaron un traballo conxunto; na categoría B, de 7 a 9 anos, o cartel elixido é de Elia Millán Bugallo; na categoría C, para a rapazada de 10 a 12 anos, a proposta gañadora é a de Alba Contra Merayo; na categoría D, de 13 a 14 anos, o cartel gañador é o de Ana Mila Schulte Estévez; mentres que na categoría E, para estudantes de 15 a 17 anos, gañou o debuxo de Emilia Hanna Beck Carrera.

De todos eles, o deseño elixido para ser a imaxe oficial da cartelería e promocionar as festas do San Xoán, que se celebra do 22 ao 27 de xuño, é o de Emilia Hanna Beck.

O concelleiro de Festexos, Fran da Silva, destaca a importante participación, con preto de 500 traballos presentados. Así, agradeceu á cativada o seu esforzo e a calidade dos traballos, e aos centros de ensino que se involucrasen con un concurso que, engade, “pretende espertar a creatividade do alumnado e involucralo nunha das festas grandes do concello”.

Ademais dun agasallo conmemorativo e de ser a imaxe promocional das Festas de San Xoán, os gañadores tamén recibirán vales por importe de 500 euros para canxear nas librerías locais. Así, na categoría A, o vale será por importe de 60 euros, na categoría B, 80 euros, na categoría C 100 euros, na D 120 euros e na E, 140 euros.

Está pasando!