A Boa Vila recupera o programa Ponteverán sen limitacións nin restricións, medrando en todos os niveis posíbeis

7 Xuño 2022

As actividades inclúen os tradicionais campamentos urbanos e de tempo libre, obradoiros culturais e artísticos, cursos de piragüismo, observación astronómica e rutas en kaiak, robótica ou informática e programación

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, lembra que este é un ciclo de actividades diverso e inclusivo, que pon en valor valores positivos como a socialización, o encontro e o respecto

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, acaba de presentar o programa íntegro de Ponteverán, unha completa proposta á hora de ofertar cultura e ocio educativo para a mocidade pontevedresa que terá este estío a oportunidade de realizar actividades diversas, entre campamentos, obradoiros culturais e artísticos, natureza deportes e aire libre; e obradoiros de tecnoloxía e informática; as catro ramas nas que está dividido o programa.

Ponteverán 2022 recupera o brillo anterior a pandemia, que afectou directamente á súa celebración e, se ben puido ser programada algunha actividade, a sombra da Covid-19 era moi alongada, permitindo só pequenos encontros moi reducidos e limitados. Semella que eses tempos quedaron atrás, e o programa de actividades para este estío aumenta nun 80 % as súas prazas —respecto do 2021— e o seu orzamento nun 62 %, até chegar aos 45.139 euros.

Cómpre lembrar que todas as actividades, agás o campamento de tempo libre ‘Equal’, serán de balde, e só requirirán de inscrición a través da web oficial do Concello de Pontevedra, a partir do 8 de xuño, apuntate.pontevedra.gal

Os rapaces e rapazas do municipio de Pontevedra contarán con preferencia á hora da adxudicación das prazas. No caso de que queden ocos libres, optarán a estes persoas doutros concellos, tendo preferencia os concellos limítrofes. Unha vez esgotado o número máximo de solicitudes por actividade, o formulario será pechado e avisarase ás persoas admitidas para que formalicen a inscrición coa achega da documentación necesaria.

É posíbel consultar e solicitar máis información na Oficina Municipal de Xuventude do Concello de Pontevedra, con cita previa, de luns a venres, de 9 a 14 horas.


Está pasando!