A Cabalgata Estática dos Reis Magos de Poio instalarase na Seca cunha temática vencellada ao mundo mariño

4 Xaneiro 2022

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, deu a coñecer os detalles da Cabalgata Estática que protagonizarán os Reis Magos na súa visita a Poio o vindeiro 5 de xaneiro de 2022. A edil do Goberno local explicou que esta foi a fórmula alternativa, que substitúe ao percorrido habitual en tempos previos á pandemia da COVID-19, “pola que optamos desenvolver xa desde hai varias xornadas, en vista da situación actual, para garantir a seguridade e, ao mesmo tempo, ofrecer ás crianzas a posibilidade de saudar ás súas maxestades de Oriente”.

Ademais, a comitiva real virá á vila facendo referencia dun xeito especial ao mundo mariño, xa que está previsto que cheguen a Poio en tres ‘embarcacións’ moi especiais. O encontro realizarase na carpa aberta emprazada na Seca, onde xa se desenvolveron previamente diversas actividades da programación de Nadal “con todas as garantías de aforo, distanciamento, ventilación e seguridade”, indica Rodríguez Alonso. A concelleira do BNG lembra que a superficie conta con 1.000 cadrados de extensión e a infraestrutura mide seis metros de alto. Ademais, haberá un peche perimetral e levaranse a cabo os pertinentes controis nos acesos e saídas para evitar posibles aglomeracións. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán á Seca ás 17.30 horas para saudar ás crianzas, pero a actividade na carpa comezará antes, ás 16.30 horas, momento no que xa haberá animación, música, obradoiros e inchables.

A visita dos Reis Magos a Poio non se limitará á sesión de tarde, xa que pola mañá tamén se deixarán ver por todas as parroquias do municipio. Está previsto que as súas maxestades realicen un percorrido en automóbiles de época. A saída está prevista para as 11.00 horas desde as inmediacións do parque Rosalía de Castro, en Ferreirós. Desde aí, pasarán pola igrexa de San Salvador (11.20 horas), o parque de Costa Xiráldez de Lourido (11.40), a Praza da Granxa de Campelo (12.00), a Praza da Chousa de Combarro (12.30), a Praza Alfredo Romay de Samieira (13.00) e o porto de Raxó (13.20). Estes horarios son aproximados. En cada unha destas zonas haberá unha animación musical para dar a benvida aos Reis Magos. Unha vez completado este itinerario, a comitiva desprazarase pola PO-308 ata a Casa Consistorial, onde haberá unha recepción con saúda incluída.

A concelleira de Cultura non dubidou en amosar o seu agradecemento aos Reis Magos “por amosar a súa predisposición á hora de adaptarse ás circunstancias actuais” e garantiu que esta visita poderá ser gozada polas crianzas e pola veciñanza en xeral “cumprindo con todas as medidas e recomendacións das autoridades sanitarias”.

Está pasando!