Presentación da XX Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía | © Concello de Vilagarcía

A Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía cumpre 20 anos cunha edición con 375 participantes

24 Xullo 2024

  • 375 corredores tomarán parte este sábado, 27 de xullo, na vixésima edición da Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía
  • A tradicional proba de verán organizada pola Fundación Municipal de Deportes, contará con participantes de todas as idades repartidos nas respectivas categorías e que correrán traxectos adaptados aos seus anos
  • Na proba absoluta están inscritas 233 persoas que deberán cubrir unha distancia de 10 quilómetros

A liña de meta da XX Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía estará situada, como de costume, na Avenida da Mariña, á altura da Praza da II República, onde se instalarán as casetas para as recollidas dos dorsais. As saídas realizaranse de forma graduada a partir das 21.00 horas, comezando polos máis cativos, e ata as 22.30 horas, cando se dará o pistoletazo de saída na proba absoluta.

As distancias van desde os 100 metros que deberán cubrir os menores de 6 anos, ata os 10 quilómetros da proba absoluta (para maiores de 16 anos). Os sub10 correrán 500 metros, os sub14, 1.000 e os sub16, 1.800 metros. Na proba absoluta inclúense as modalidades de sub18, sub20, sub23, sénior, máster A, máster B e máster C.

A organización concederá medalla a todos os nenos e nenas da categoría sub6 que rematen a proba. Nas demais categorías concederanse trofeos aos primeiros clasificados, tanto masculino como feminino.



O circuíto habilitado para a proba absoluta discorrerá pola Avenida da Mariña, Rivero de Aguilar, Valle Inclán, a rúa García de Caamaño, Alexandre Bóveda e Elipidio Villaverde para regresar ao punto de inicio.

O desenvolvemento da proba implicará o peche de tráfico de forma gradual. O primeiro afectará exclusivamente á Avenida da Mariña e farase a partir das 17.00 horas para ir montando a meta e instalando a caseta de reparto de dorsais. Ás 20.30 horas cortarase a avenida Rivero de Aguilar para realizar as probas da categorías inferiores e a partir das 22.00 horas estarán pechadas todas as rúas incluídas no circuíto.

Está pasando!