A compañía Matrioshka Teatro atópase na obriga de adiar o seu espectáculo ‘Comando Comadres’ para o segundo semestre deste ano

23 Xaneiro 2021

A compañía Matrioshka Teatro atópase na obriga de adiar o seu espectáculo ‘Comando Comadres’ para o segundo semestre deste ano.

O espectáculo, programado polo Concello de Pontevedra (a través da Rede Gallega de Teatros e Auditorios) dentro do ciclo Ponteatro para o 25 de febreiro no Teatro Principal, pasará inicialmente ao 25 de novembro de 2021.

As entradas xa adquiridas serán válidas para a nova data pero no caso de no non estar conformes, os compradores/as poden solicitar a devolución contactando con ataquilla@afundacion.org


Unha das primeiras representacións desta peza, representarase por primeira vez a semana anterior na Estrada, escrita pola polifacética Lorena Conde, que recentemente gañou o premio María Victoria Moreno e dirixida por Gena Baamonde conta no seu elenco con Chelo Rejo, Anabel Gago e a propia Lorena Conde.

Un espectáculo en clave de humor para público adolescente e adulto no que un grupo de artivistas organizadas en diferentes comandos poñen en evidencia as múltiples manifestacións da violencia patriarcal e cuestionan a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual e na xestión dexenerativa dos recursos naturais.

A peza está composta por cinco comandos de temáticas diferentes:

COMANDO MEIGAS céntrase na demonización das mulleres que non encaixamos no modelo patriarcal.

COMANDO SIÑAS fálanos da invisibilización das mulleres de certa idade que xa non cumprimos as expectativas reprodutivas do patriarcado.

COMANDO SACHO afiánzase na sabedoría e na fortaleza das mulleres lonxe dos estereotipos de seres débiles ou vítimas.

COMANDO RETRANCA expón con humor as falacias que durante séculos se teñen dito das mulleres.

COMANDO CATAPLASMA reivindica o saber ancestral das mulleres en conexión coa terra e os ecosistemas saudables, o coñecemento e uso das plantas e os procesos de acompañamento e coidados.

Entradas á venda en Ataquilla.com a un prezo único de 8,00 € (4,00 € para Carné Xove, desempregados/as e maiores de 65 anos) e de non esgotarse na billeteira física de 19:00 a 20:00 h. Por mor do protocolo COVID a billeteira ten que pechar unha ahora antes do inicio do espectáculo.


Os 3 espectáculos escollidos a través da Rede Galega de Teatro en colaboración coa AGADIC, terán lugar o 25 de febreiro, 11 de marzo e 20 de maio no Teatro Principal de Pontevedra ás 21:00 h. Os mesmos completarán a programación dos Domingos do Principal e Salón do Libro, así como a musical que se presentará máis adiante.

A nova edición do ciclo Ponteatro, normalmente celebrado durante o 2º semestre, comezará o 25 de febreiro cunha estrea, “Comando comadres” de Matrioshka Teatro, escrita pola polifacética e recentemente recoñecida co premio María Victoria Moreno, Lorena Conde. Unha peza en clave de humor que convida á reflexionar sobre o patriarcado.

Seguirá o 11 de marzo, con temática feminista tamén porque nunca é abondo nestes tempos pero resulta tamén acaído pola data con “Feminíssimas” de De Ste Xeito Producións, de Esther F. Carrodeguas. Unha comedia negra chea de risas pero tamén de reflexión”.

O terceiro, e último dos espectáculos terá lugar o 20 de maio con “O mozo da última fila” de Redrum Teatro e unha adaptación feita polo tamén director, Alex Sampayo, do texto de Juan Mayorga, representado en todo o mundo e sempre de xeito exitoso. Redrum é unha garantía do resultado e vai ser do agrado do público”.

As tres funcións levaranse a cabo segundo os aforos vixentes, de 98 persoas no Teatro Principal, para cumprir coas normas.

Está pasando!