A Concellaría de Medio Ambiente de Redondela invita á veciñanza a realizar o curso “Os nosos ríos”

26 Febreiro 2021

A Concellaría de Medio Ambiente de Redondela invita á veciñanza a realizar un curso telemático e gratuíto para coñecer e poñer en valor os ríos do municipio.

O curso consta de 8 horas de duración repartidas en 4 aulas formativas de 2 horas de contidos cada unha. Os días 11, 16, 18 e 23 de marzo (dous luns e dous xoves) comezando as 17:00 e rematando as 19:00 horas.

A inscrición é de balde, e deberá facerse en medioambiente@redondela.gal ou no teléfono 986 400 300 (horario de 09:00 a 14:00 horas).

A auga predomina no planeta e un 3% dela é auga doce. Os ríos visibilizan e simbolizan esta auga, necesaria para a vida dos seres, xa que logo, o coidado destes é un reflexo da importancia que as sociedades lle aplican a este recurso. Tras miles de anos de imprudente abuso ou abandono, unha certa aproximación cara a eles medra paseniño.

Co afán da valorización dos ríos, o curso en liña “Os nosos ríos” introduce o coñecemento xeral e o funcionamento dos bosques de ribeira así como o recoñecemento das especies arbóreas, arbustivas e herbáceas que os conforman. A visibilización das especies vexetais é recorrente tanto desde a súa percepción de seres vivos como desde a súa ecoloxía ao longo de millóns de anos no planeta.

O Patrimonio Cultural inmaterial forxado en épocas máis benévolas da nosa relación cos ríos, asoma neste curso a través da mitoloxía, dos oficios, usos e expresións).

A floración dos bosques de ribeira, tamén terá un apartado propio así coma os ríos Alvedosa-Maceiras, Pexegueiro, Maceira e Fondón ao tratarmos estas temáticas.

Está pasando!