Anabel Gulías presenta a campaña do 8-M | Concello de Pontevedra

A concelleira de Igualdade de Pontevedra presenta a campaña municipal do 8-M, baixo o lema ‘O feminismo mellora o mundo. Tamén para ti’

26 Febreiro 2025

  • Anabel Gulías: «As loitas pasadas fan que no presente teñamos outras olladas… Sen a loita feminista, o caso Rubiales non sería un escándalo, non estaría na axenda mediática, tan só sería unha anécdota»
  • O 6 de marzo procederase coa lectura do manifesto do 8-M, elaborado polo alumnado do Consello da Muller Nova do IES Sánchez Cantón e, de seguido, realizarase o despregamento dapancarta co lema da campaña na balconada do Concello

‘O feminismo mellora o mundo. Tamén para ti’ é o lema da campaña do 8-M do Concello de Pontevedra que presentou hoxe a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías. Unha campaña en positivo, arredor dos avances acadados polo feminismo e de recoñecemento cara ás mulleres que loitan e loitaron contra o machismo e a prol da igualdade que fala do presente, sen desánimo.

“O 8-M é unha xornada para reivindicar e poñer en valor unha efémeride pero nós cremos que hai que traballar o feminismo os 365 días do ano”, sinalou a concelleira, para quen “o mellor sinónimo que hai para falar de igualdade é feminismo, un feminismo con todas as letras, sen eufemismos”.

A campaña municipal do 8-M —explicou Anabel Gulías— fai “unha homenaxe ó que significou o feminismo no pasado, non podemos esquecer ás sufragistas e a todo o movemento social que conseguiu, non hai tanto, os dereitos para as mulleres”. E tamén fala de feminismo en presente pois, como engadiu a concelleira de Igualdade, “esas loitas pasadas fan que no presente teñamos outras miradas”. Un exemplo témolo no caso Rubiales, no “que sen a loita feminista non sería un escándalo, non estaría na axenda mediática, sería só unha anécdota”.

O feminismo hoxe, enumerou a concelleira de Igualdade volvendo a mirada a campaña municipal do 8-M, é máis co-responsabilidade, máis dereitos laborais, máis benestar social, máis xustiza, máis educación, máis futuro. “O importante é que o feminismo mellora a vida das persoas, de todas, aínda das que non sexan feministas”.

A campaña gráfica —con carteis e chapas, en medios e nas redes…— arroupará un amplo programa reivindicativo que se estenderá ata a primeira semana de abril. A primeira cita será o xoves 6 de marzo, ás 12.00 horas na Casa Consistorial. Aí será lido o Manifesto do 8-M, elaborado por alumnado do Consello da Muller Nova do IES Sánchez Cantón e, de seguido, procederase ao despregamento da pancarta co lema da campaña na balconada do Concello.


Anabel Gulías presenta a campaña do 8-M | Concello de Pontevedra

Os Consellos da Muller Nova, presentes en todos os centros de secundaria de Pontevedra, amosan que a aposta pola igualdade e a ollada violeta das mozas e mozos ten continuidade, que o feminismo, a pesar da onda reaccionaria que atravesamos, ten remuda.

Na seguinte semana, o mércores 12 de marzo, ás 11.30 horas, o Teatro Principal acollerá o acto de revelación e entrega dos VIII Premios Ernestina Otero Sestelo. Estes galardóns recoñecen e valoran aqueles proxectos educativos de ensino non universitario (Infantil, Primaria e Secundaria) innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva de xénero, e que supoñan un exemplo de boas prácticas en materia de igualdade.

O Teatro Principal será tamén escenario do VIII Encontro As mulleres que opinan son perigosas, que promoven Concello de Pontevedra e Deputación de Pontevedra, de xeito conxunto. Durante dúas xornadas, venres 14 de marzo e sábado 15.

O teatro tamén ten cabida no programa municipal do 8-M, pois acolle a oportunidade de ver a derradeira función da obra ‘Invisibles’, de Redrum Teatro, dirixida por Marián Bañobre e baseada no libro homónimo da xornalista Montse Fajardo, que relata historias reais de violencia de xénero, sufridas por sete mulleres galegas. A cita está fixada para o mércores 2 de abril, ás 20.00 horas, no Teatro Principal, con entrada libre ata completar aforo.

Por último, a concelleira de Igualdade aproveitou a presentación dos actos do 8-M para facer un chamamento á participación nas mobilizacións sociais do Día Internacional da Muller que se celebrarán en Pontevedra. Unha pola mañá, convocada polo sindicato CIG e a da tarde, convocada polo Colectivo Feminista de Pontevedra.



OUTRAS ACTIVIDADES

Leal ao principio de que o feminismo ten que traballarse todo o ano, a Concellería de Igualdade ten programada un amplo abano de actividades, que van máis alá da estrita campaña do 8-M e dirixidas á mocidade. Son as seguintes:

Faladoiros feministas. O feminismo mellora o mundo. Ata que punto? Para coñecer a súa pegada en distintos ámbitos celebrarase unha nova edición dos Faladoiros Feministas, ao abeiro da programación municipal do 8-M. Nesta ocasión abordarase a consecución do principio de igualdade no mundo do Deporte, a Política e a Cultura e o impulso e cambios que o feminismo conseguiu nestes eidos. As charlas-debates desenvolveranse entre o 26 de marzo e a primeira semana de abril.

Obradoiros de Igualdade, educación sexual e prevención da violencia machista. Impartiranse ao alumnado de Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional a partir do mes de abril. Nesta edición haberá tamén obradoiros dirixidos ao profesorado e ás familias.

Contacontos Somos iguais, contos para a igualdade. Actividade dirixida a nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria. Actividade que se porá en marcha no mes de maio.

Exposición “Eva e Maruxa”. Proxecto artístico transversal, que pon o foco na igualdade e no que están traballando os centros educativos de Secundaria de Pontevedra. A mostra inaugurarase no mes de xuño, no Mercado e despois será itinerante.

Está pasando!