A Concellería de Deportes de Pontevedra abrirá o 15 de setembro o prazo de preinscrición nas Escolas Deportivas Municipais 2022-2023 coa previsión de poñelas en marcha o 1 de outubro

9 Setembro 2022

A Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde do Concello de Pontevedra contempla abrir o vindeiro xoves 15 de setembro o prazo para preinscribirse nas Escolas Deportivas Municipais (EDM) 2022-2023, coa previsión de poñelas en marcha a partir do sábado 1 de outubro. O calendario foi anunciado polo tenente de alcalde, Tino Fernández, responsable da área municipal, quen avanzou que este demandado programa, destinado á promoción e práctica do exercicio físico e dos hábitos de vida saudables entre a poboación en idade escolar (nenos e nenas de entre 4 e 14 anos), ofertará neste curso “máis de 2.000 prazas a través dunha trintena de clubs deportivos en numerosas especialidades: atletismo, baloncesto, balonmán, escalada, ciclismo, fútbol, rugby, taekwondo, tenis, tenis de mesa, pádel, bádminton, ximnasia rítmica, fútbol sala, xadrez, ximnasia acrobática, voleibol…”.

Segundo explicou o edil do PSOE, “a preinscrición realizarase online mediante a páxina https://apuntate.pontevedra.gal/, poñéndose un ordenador nas oficinas do Servizo Municipal de Deportes (situadas no Pavillón dos Deportes), en horario de mañá e de tarde, a disposición de todas aquelas persoas que non conten cun equipo informático na casa ou que teñan dificultades para o manexo ou funcionamento da aplicación”. “Nesta fase de preinscrición -indicou Fernández-, os interesados só deberán encher o formulario oficial, non adxudicándose aínda a praza na EDM desexada, xa que, no caso de que houbera máis demanda que oferta, procederíase na semana seguinte a un sorteo público entre tódalas solicitudes presentadas”.


Presentación do calendario das EDM 2022-2023 | © Concello de Pontevedra

Os listados provisionais de preinscritos poderán consultarse na páxina web oficial do Servizo de Deportes do Concello (https://deportes.pontevedra.gal/escolas-depmun/). No caso daqueles listados de EDM nos que a demanda supere á oferta, estes serán anunciados expresamente para que as persoas interesadas poidan acudir, se así o desexan, á fase de sorteo, que se desenvolverá no Pavillón dos Deportes (rúa Juan Manuel Pintos s/n). Nas EDM nas que a demanda non supere á oferta, anunciarase que non teñen que participar na fase de sorteo e que, polo tanto, estarán oficialmente preinscritos, pendentes da posterior inscrición en forma e prazo.

Tal e como sinalou Tino Fernández, “a fase de inscrición final realizarase no mesmo lugar no que se desenvolva a actividade e xestionarase directamente coa entidade organizadora”. “Nos primeiros días, durante a actividade, entregaranlles a ficha de inscrición definitiva, sendo necesario achegarlle á persoa responsable da entidade que coordina a actividade a seguinte documentación: ademais da mencionada ficha de inscrición debidamente cuberta, o DNI do/a representante legal do/a menor, a tarxeta sanitaria do/a menor e o xustificante do pagamento da inscrición”, precisou o tenente de alcalde.

As actividades enmarcadas dentro das EDM están subvencionadas polo Concello cunha axuda máxima de 82 € por cada neno/a, sendo a cota de inscrición por curso de 50 € por rapaz/a.

Está pasando!