Silvia Cernadas presenta a Feira do Libro de Soutomaior | Concello de Soutomaior

A cuarta edición da Feira do Libro de Soutomaior chega pisando forte e con moitas actividades

24 Abril 2025

Todo listo para dar o pistoletazo de saída a 4ª edición da Feira do Libro en Soutomaior. A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, presentou a ampla programación coa que esta Feira aterra no concello neste 2025.

A celebración comezou en Arcade o propio Día do Libro, o 23 de abril, ás 20.30 h. na Biblioteca Municipal Luís Seoane con ´Federico García Lorca, poeta galego´. A relación de Federico García Lorca con Galicia levouno a definirse como “poeta galego” e escribir na nosa lingua os seus Seis poemas galegos. Visitou Galicia en tres ocasións, dúas delas en 1932.

A primeira foi en agosto á fronte do grupo teatral La Barraca. A segunda foi en novembro, cos responsables da revista Cristal como anfitrións. Un espectáculo que contará con Marcelo Dobode, Víctor Movilla, Tania Solla, Antón Ke e Polo Correo do Vento.



O día 26 de abril o día comezará ben cedo con “A Organeta” animación de rúa que irá dende o Cruce de Pierres ata Talo Río. Unha vez chegados á carpa instalada para esta Feira do Libro terán lugar un sinfín de actividades dende as 11:30 ata as 21.00 h.

Para isto contarán cunha carpa deseñada para acoller os diferentes espazos desta Feira, de tal xeito contará co: Espazo Editorial, do que formarán parte as sete editoriais que aterrarán nesta Feira do Libro (Antela Editorial, Edimaes Editorial, Boadicea Editora, Cuarto de Inverno e Belagua Ediciones, Galaxia e Editorial Elvira); tamén estará o Espazo Lector con charlas coloquios, presentacións de libro; o Espazo Enreda con xogos e actividades de dinamización da Feira; o Espazo Escenario onde terán lugar os espectáculos; o Espazo Artístico onde botar a voar a creatividade, diversidade, pluradidade, responsabilidade, receptividade e compromiso para visibilizar o diferente; o Espazo Bebeteca destinado a crianzas de 0 a 3 anos e o Espazo Petit Furgo onde gozar e divertirse co mundo da lectura. Todo amparado polo programa municipal ‘Soutomaior Inclusivo’.

A concelleira Silvia Cernadas, dixo que este ano chega “unha Feira do Libro que, como a do ano pasado, demostra a relevancia que neste goberno lle damos ao mundo da cultura e dos libros e que está pensada para o desfrute de todas as persoas, desde bebés ata público adulto, tanto de Arcade como de Soutomaior. Teño que destacar, ademais, a presentación do libro infantil sobre María Vinyals co que comezamos as celebracións do 150 aniversario do seu nacemento”.

Unha feira pola que pasarán, o sábado, a presentación e posta en escena de ‘A Biblioteca galáctica contra a IA Fantástica’ un espectáculo de Tanxarina que contará co seu autor, Carlos Labraña que realizará firma de sinaturas e reparto de exemplares ata esgotar existencias.

Xa pola tarde terá lugar a presentación de ‘O mergullador das verbas’ coa súa autora Majo Villar, a presentación de ‘Marquesa vermella, pequena biografía de María Vinyals’ unha cita que contará co reparto de exemplares ata esgotar existencias. Unha Feira do Libro que o sábado pechará as actividades co espectáculo ‘Travesía Unicornio’ de Teatro Ghazafellos.

Todo na compaña de moitas actividades ao longo de toda a xornada tales como o ‘Pasaporte lector’, o ‘Mapa do tesouro’, `Cita a cegas cun libro na Petit Fugo´, o espazo enreda con ‘Lendo cos sentidos’ ou o espazo artístico coa ‘A viaxe máis emocionante’.

Xa na xornada do domingo o escenario da mañá continuará sendo Talo Río co servizo de Bibliofogar en horario de 12:00 a 14:00h. Xa pola tarde, de 17:00 a 20:00h. a Feira do Libro chegará a Soutomaior, a Casa da Cultura Rexina Míguez Noval tamén coas actividades, xogos e contacontos de Bibliofogar.

Podedes acceder a toda a programación da Feira do Libro en soutomaior.gal

Dende o Concello convidan a todo o mundo a que veñan a desfrutar e a gozar da Feira do Libro de Soutomaior, e animan a que todo o que se suba ás redes sociais deste evento se faga baixo o hashtag #FeiraDoLibroDeSoutomaior


Está pasando!