Presentación do calendario do Rías Baixas Film Fest | © Deputación de Pontevedra

A Deputación dá o “tiro de saída” aos rías baixas film fest que dende maio a decembro encherán a provincia de cultura vinculada ao cinema

29 Abril 2022

“Tiro de saída” aos Rías Baixas Film Fest que dende maio a decembro encherán a provincia de cultura vinculada ao cinema e ao audiovisual. A presidenta da Deputación Carmela Silva xunto aos e as responsables da organización dos oitos festivais que integran a marca provincial e dos gobernos locais dos concellos onde se desenvolven, presentaron o calendario das citas cinematográficas que arrancan este 4 de maio co Play-Doc de Tui e se estenderán ata decembro co Novos Cinemas de Pontevedra. 

Carmela Silva asegurou que “a través dos Rías Baixas Film Fest imos continuar avanzando para seguir convertendo á provincia nunha grande referencia”, e adiantou que neste 2022 “imos dar un paso máis, coa mirada posta na internacionalización dos festivais”. A marca, que naceu no 2020, agrupa a un total de oito certames audiovisuais que teñen lugar este ano entre maio e outubro en Tui, O Porriño, Vigo, Bueu, Pontevedra e Vilagarcía. “Cada festival é moi relevante –remarcou a presidenta – pero xuntas e xuntos somos máis fortes e estamos a crear unha estrutura potente, con máis capacidade reivindicativa”.

No 2022 o “tiro de saída” dos Rías Baixas Film Fest terá lugar a vindeira semana, coa XVIII edición do Play-Doc de Tui (4-8 de maio) e continuará o seu percorrido co XIX Festival de Cans do Porriño (18-21 de maio), XI Primavera do Cine de Vigo (6-11 de setembro), XV FicBueu (11-24 de setembro), Galician Freaky Film Fest de Vigo (23-24 de setembro e 28 de setembro- 1 de outubro), VII Festival de Cine Inclusivo de Vigo (18-22 de outubro) e co 50º Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía (21-30 de outubro) para rematar co VII Novos Cinemas de Pontevedra (13-18 de decembro).



Trala proxección dun vídeo resumo dos Film Fest  2021, a presidenta reivindicou a “potentísima cultura vinculada ao cinema” que hai na provincia. Carmela Silva agradeceu o papel das persoas organizadoras: “sodes un orgullo para esta provincia, conseguides que a cultura ocupe un espazo central no conxunto da provincia de Pontevedra. Levades a cabo festivais espectaculares que enchen de vida os concellos, fan que a cidadanía forme parte de todo o que acontece ao seu carón e conseguen que a xente poida ter miradas diferentes”. Tamén destacou o “enorme poder” do cinema e a importancia dos Rías Baixas Film Fest, “que apostan por filmes independentes, con outras miradas que obrigan a pensar e tomar posición como sociedade”, contribuíndo, deste xeito, a facer fronte “ao pensamento único, que non constrúe sociedades diversas, con pensamentos diferentes, plurais que é como ten que ser o mundo. Por iso estes festivais son marabillosos e transmiten a sensación de que hai esperanza, de que podemos construír outra sociedade”.

Pola súa banda o director do FicBueu, Manuel Pena, en representación dos oito festivais, destacou a diversidade de certames que hai na provincia e enxalzou tamén o papel das asociacións que os organizan. Pena salientou a “importancia e dimensión que acadaron as programacións dos festivais de cinema” que abranguen dende formación do público ata a promoción e fortalecemento da industria ou a confluencia con outras disciplinas artísticas. E, xa de cara ao futuro,  amosou o seu desexo de “chegar aínda máis aló”. Pola súa banda, a responsable de programación do Primavera de Cine, Ana Gontad, recordou os “dous anos de pesadelo pandémico” e fixo un chamamento ao público para “volver ás salas, saír dun mesmo/dunha mesma e volver dialogar coas persoas”. Ana Gontad puxo en valor “as oito festas arredor do cinema que hai na provincia” e agradeceu, como tamén fixo Pena, o “papel militante da Deputación nestes meses escuros por manter viva a cultura, propiciando a supervivencia das persoas que se dedican a elo e a formación e creación de novos públicos”.

O broche de ouro á presentación do calendario dos Rías Baixas Film Fest veu da man da compañía Troula que implicou ao público presente no acto a participar nunha pequena peza teatral que semellaba a rodaxe da entrega dun “Óscar”. Unha actriz de Troula, caracterizada como directora de cinema dos anos vinte, e un personaxe caracterizado como actor de cinema, fixeron partícipes ás persoas presentes no proceso de rodaxe, dende a propia gravación, ata a posta en marcha da acción ou o papel protagonista, que recaeu na presidenta, chamada a recoller o “Óscar” e pronunciar as palabras de agradecemento.

Está pasando!