A Deputación de Pontevedra arranca este xoves unha intensa programación ao abeiro do 25N

19 Novembro 2020

A Deputación de Pontevedra arranca este xoves, 19 de novembro, unha intensa programación que desenvolverá ao abeiro do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A xornada comezará ás 11.45 horas coa colocación de sendas lonas nas fachadas do Pazo Provincial e da sede de Vigo. Este primeiro acto, que levarán a cabo a presidenta provincial, o vicepresidente e deputadas e deputados do goberno, precederá á presentación, ás 12.00 horas nas Ruínas de San Domingos, da sexta edición do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. Amais, tamén desde a noite deste xoves ambas sedes provinciais de Pontevedra e Vigo tinguiranse de cor morada cunha iluminación que permanecerá ata finais deste mes, no marco do compromiso da Deputación contra a lacra das violencias machistas.

No acto nas Ruínas de San Domingos, daranse a coñecer as 25 accións previstas en 25 concellos da provincia que conforman esta nova edición de “Violencia Zero”, o programa que desde o 2015 desenvolve a institución provincial co obxectivo de dar visibilidade á loita contra as violencias machistas e amosar o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Nesta presentación, que se desenvolverá co estrito protocolo anti Covid, está prevista a actuación musical a cargo da cantante Najla Shami.

As actividades ao abeiro do 25N tamén chegarán ao pleno da corporación que a Deputación celebrará o día 27 no Pazo provincial e, por outra banda, a Deputación volverá a participar un ano máis na campaña de sensibilización social “En Negro contra as Violencias”, na que participa desde o ano 2017 e colabora cada ano coa edición de distintos materiais que distribúen os concellos adheridos na provincia a esta iniciativa, amais dos utilizados pola propia institución.

Está pasando!