A Deputación de Pontevedra convida o alumnado da provincia a indagar sobre a obra de Castelao na segunda edición do concurso Micromuseo

10 Abril 2025

O certame de microrrelatos audiovisuais está aberto aos centros escolares desde primaria ata FP, e outorgaranse nove premios valorados nun total de 9.000 euros


A Deputación de Pontevedra acaba de convocar a segunda edición do concurso Micromuseo, o certame de microrrelatos audiovisuais que busca implicar a comunidade escolar no descubrimento do patrimonio cultural da provincia que se atopa no Museo de Pontevedra.

Este ano o concurso está dedicado ao descubrimento da obra de Castelao, coincidindo co 75 aniversario do falecemento desta figura indispensable para o museo en particular e, en xeral, a cultura galega. As bases xa se poden consultar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

O concurso, enfocado a estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de centros escolares situados na provincia de Pontevedra, consistirá na presentación dun microrrelato en lingua galega en formato audiovisual de non máis de 120 segundos.



O alumnado deberá buscar e indagar sobre algunha das pezas pertencentes á obra do escritor, político e artista galeguista que se custodian e expoñen no Museo de Pontevedra. O prazo para presentar os traballos comeza o 10 de abril, e remata o 9 de maio. Os centros escolares interesados en participar deberán inscribirse por vía electrónica a través da sede electrónica da Deputación.

A participación debe facerse en grupo (sempre que o número de participantes non supere unha aula) e cada centro escolar só poderá presentar dous microrrelatos por cada unha das tres categorías: a primeira, para os estudantes de 5º e 6º de primaria; a segunda, para os que se atopen na ESO, e unha terceira para estudantes de bacharelato ou ciclos formativos.

En canto aos galardóns, haberá un primeiro e un segundo premio por categoría valorados en 2.000 e 1.000 euros, respectivamente, facendo un total de 9.000 euros. Con estes recursos, os centros poderán adquirir material, realizar saídas educativas, entregar bolsas ao alumnado ou realizar outras actividades relacionadas coa súa programación. Ademais, cada un dos seis premios estará acompañado dun lote de tres libros do Museo de Pontevedra relacionados con Castelao.

Está pasando!