A Deputación de Pontevedra oferta un máximo de 20.000 prazas dirixidas a asociacións e entidades para realizar rutas en 32 espazos emblemáticos da provincia

9 Febreiro 2022

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, leva a cabo o programa ‘En Ruta coa Depo’, dirixido a entidades sen ánimo de lucro, a través do que se lles ofrecen alternativas de ocio e de tempo libre aos distintos colectivos sociais da provincia, coa finalidade de fomentar o tecido asociativo e a convivencia e, ao mesmo tempo, promover e dar a coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural de proximidade.

Trátase, polo tanto, dun plan cun claro obxectivo social, xa que permite que as entidades sen ánimo de lucro da provincia de Pontevedra poidan realizar unha das 32 excursións recollidas no catálogo de rutas ofertadas, acompañadas de persoal especializado. Estas excursións, que axudarán a desestacionalizar o turismo da provincia, inclúen as visitas guiadas, o xantar e os traslados.

Entre as 32 rutas ofrecidas e un total de 20.000 prazas, o catálogo do programa inclúe rutas específicas adaptadas a persoas con mobilidade reducida, a familias e á mocidade. Así mesmo, resérvanse prazas gratuítas para persoas en situación de risco ou exclusión social.

Cada entidade poderá escoller, por orde de preferencia, tres rutas de entre as ofertadas e indicar o mes e mais o día da semana nos que desexa realizar a actividade. As rutas e as súas características figurarán no catálogo publicado en www.depo.gal.

O programa consiste en pasar un día coñecendo os lugares sinalados na ruta asignada cunha persoa do equipo de guías, e inclúe o xantar e o transporte. As persoas que participen no programa deberán ser socias ou familiares das socias das entidades solicitantes e, no caso de entidades nas que participen usuarias ou usuarios con discapacidade ou dependentes, deberán ir acompañados polas coidadoras ou coidadores.

Está pasando!