A Deputación de Pontevedra pon en marcha ‘Grazas xoquetes’, unha campaña de adquisición e uso de xogos e xoguetes, non sexistas e non violentos 2022-2023

7 Decembro 2022

Como é tradición coa chegada do Nadal, desde a Deputación de Pontevedra poñen en marcha unha nova edición da campaña de adquisición e uso de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos, coa que invitamos á reflexión acerca da adquisición de xogos, xoguetes, libros, videoxogos e demais que lles regalamos ás nosas cativas e cativos.


Coa campaña ‘Grazas xoguetes’, desde a Deputación de Pontevedra preténdese promover un cambio de criterio cara a valores libres de estereotipos sexistas.

Trátase dunha proposta dirixida a toda a cidadanía: á infancia, ás persoas encargadas de tomar a decisión de comprarlle xogos e xoguetes tanto á familia próxima coma á familia extensa, ao profesorado, á comunidade educativa, ás empresas do sector do xogo e do xoguete, a clubs deportivos, axentes culturais… facilitando información e sensibilizando para un uso de xogos e xoguetes libres de estereotipos de xénero.



O obxecto desta campaña é promover o principio de igualdade entre mulleres e homes coma columna da democracia, a xustiza e a convivencia desde a infancia, para fortalecer os valores propios dunha sociedade democrática a través do xogo e dos xoguetes e así conseguir os seguintes obxectivos:

  • Sensibilizar a poboación da importancia dos xoguetes e os xogos na educación das nenas e dos nenos a través de persoas que destacaron nas súas profesións e queren darlle as grazas aos seus xoguetes.
  • Implicar os centros educativos e ANPAS do ámbito territorial no que se difunda a campaña na transmisión dos valores intrínsecos dos xogos e xoguetes para o desenvolvemento da cidadanía libre e para a elección de profesións.
  • Visibilizar, a través dos seus xoguetes, persoas profesionais destacadas en ámbitos coma a cociña, a astrofísica, o deporte ou a cultura e lanzar mensaxes contra os roles sexistas das profesións e dos xoguetes e xogos.
  • Reafirmar o compromiso da Deputación de Pontevedra na loita pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero.

Está pasando!