A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha intensa programación cultural para celebrar as Letras Galegas

10 Maio 2021

Baixo o lema ‘365 días en galego’ a Deputación de Pontevedra presentou a programación que desenvolverá para conmemorar as Letras Galegas 2021 con actividades durante todo o ano dirixidas principalmente á xente moza.

Espectáculos, exposicións, obradoiros para o ensino ata accións escénicas conforman este programa que está enfocado á mocidade.

As primeiras actividades serán un espectáculo multidisciplinar en Vigo e Pontevedra titulado ‘X Xela’, no que todo xirará en torno a obra da autora mesturando tres formatos: música, poesía e fotografía, como ela mesma facía.


Programación polo Día das Letras Galegas


ESPECTÁCULO MULTIDISCIPLINAR: mestura de música, poesía e fotografía

Datas: venres 14 de maio en Pontevedra e notificarase data para Vigo

Hora: 19.30 h.

Lugar: sede da Deputación en Pontevedra

Estreamos programación co espectáculo “Por Xela”, no que todo xira arredor da súa obra mesturando tres disciplinas artísticas e tres formatos: música, poesía e fotografía, como facía a propia homenaxeada deste ano.

A parte de poesía está comisionada por Tamara Andrés, tradutora e poeta especializada en Xela Arias. No espectáculo participarán dez poetas contemporáneas galegas; estarán en vivo catro delas de cada vez.

A parte musical corre a cargo de A Banda da Loba, formación galega composta por mulleres que está a revolucionar a escena galega coa mestura de música e literatura. Musicarán poemas de Xela Arias desde formatos máis tenros ata o punk rock, pasando polo country ou o bolero.

A fotografía serviranos para achegarnos á figura de Xela Arias a partir das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria. Será un show dinámico, atractivo e 100 % feminino para homenaxear unha poeta singular.

AVISO. Para asistir aos espectáculos programados tanto en Pontevedra coma en Vigo será preciso solicitar o convite a través do formulario dispoñible neste enlace.

Podes seguir o espectáculo tamén en streaming:


ENSINO

En colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) realizaranse obradoiros sobre a homenaxeada deste ano en diferentes centros de ensino de primaria e secundaria.

Están programados un total de 20.

Estas actividades desenvolveranse ao longo das próximas semanas en Pontevedra, Vigo, Marín, Tomiño, A Estrada, Fornelos de Montes, Oia e Agolada.

Dous niveis educativos:

  • A xornalista e escritora Lara Dopazo Ruibal será a encargada de achegarlle a figura de Xela Arias ao alumnado de terceiro e cuarto da ESO.
  • O obradoiro Xelapalabra correrá a cargo do escritor Jesús Castro Yáñez e dirixirase ao alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria. Simulará un concurso televisivo no que as probas se superarán adiviñando pistas ou definicións de palabras vencelladas coa escritora.

EXPOSICIÓNS

“LEBRES COMA GACELAS”

Data: xullo de 2021

Lugar: sede da Deputación en Vigo

Esta mostra concíbese como un proxecto multidisciplinar de nova creación que mestura palabra e imaxe, poesía e fotografía en perfecta simbiose.

Tomamos como inspiración o libro de Xela Arias Tigres coma cabalos (1990), editado por Xerais e con fotos de Xulio Gil, no que cada poema da escritora se confronta e dialoga cunha imaxe, e creamos un proxecto análogo no que poñemos de relevo o feminino e xogamos, ademais, coa proximidade de significado entre lebres e libres.

Para iso, seleccionamos dúas persoas fotógrafas contemporáneas referentes desta provincia, Eva Díez e Fran Heberllo, e convidamos un grupo de recoñecidas poetas galegas (Olga Novo, Alba Cid, Lara Dopazo, Lorena Conde, Antía Otero, Tamara Andrés e Miriam Ferradáns) a que creasen poemas específicos para as fotografías artísticas destas dúas persoas.

Ligada a esta mostra e co obxectivo de achegala ao público máis novo, desde o Departamento de Igualdade lanzaremos no mes de setembro un concurso de foto-poesía, dirixido ao alumnado de secundaria e bacharelato. 

….

“XELA ARIAS. A POESÍA DO RETRATO”. Fotografías de Xulio Gil

Data: outono de 2021

Lugar: Museo Verbum de Vigo

Outro dos importantes proxectos para homenaxear a esta autora e difundir as Letras é a exposición “XELA ARIAS. A POESÍA DO RETRATO”, con fotografías de Xulio Gil, froito dunha colaboración da Deputación de Pontevedra co Concello de Vigo.

Trátase dunha colección de poemas da autora xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil nos anos 80 e 90, cando ambos eran parella. Unha mostra que nos permite mergullarnos no universo máis íntimo da autora.


APOIO EDITORIAL

Mantemos o compromiso coas editoriais e para iso apoiamos a publicación de varios libros de Xela Arias

  • DARÍO A DIARIO
    Xela Arias
    Editorial Xerais
  • POESÍA REUNIDA
    Xela Arias
    Editorial Xerais
  • INTEMPÉRIOME
    Xela Arias
    Editorial Xerais

E tamén a publicación doutros libros sobre a figura da escritora como

  • XELA ARIAS. POETA E TRADUTORA
    Anxo X. Rajó Pazó
    Editorial Ir Indo
  • XELA QUIXO SER ELA
    Yolanda Castaño
    Editorial Xerais

 

Está pasando!