A Deputación de Pontevedra e Proxecta poñen en marcha o I Encontro Luso Galaico que concentrará ao talento audiovisual de ambas beiras do Miño

15 Xuño 2022

  • A Deputación e Proxecta veñen de dar o tiro de saída ao “I Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais” que concentrará no Salón de Plenos do Pazo Provincial en Pontevedra, entre o 17 e 18 de xuño, ao talento audiovisual de ambas beiras do Miño
  • En total haberá 5 mesas de debate nas que participarán 23 persoas, 12 homes e 11 mulleres, e será clausurado por Ángel Sala, director artístico do Festival de Sitges

Pontevedra é unha das provincias que máis festivais audiovisuais achega ao circuíto galego. Nove deses festivais conforman o Rías Baixas Film Fest, unha marca distintiva de prestixio, creada pola Deputación de Pontevedra co obxectivo de identificar, aglutinar e apoiar o desenvolvemento dos festivais organizados na nosa provincia. A diversidade de propostas revela a riqueza editorial e estética que caracteriza os devanditos proxectos.

Eses festivais forman parte de PROXECTA, coordinadora que promove a defensa e a socialización duns proxectos cunha achega ao tecido cultural e socio-económico da nosa provincia e comunidade xa incuestionable: pois os festivais estimulan a interacción social, facilitan o intercambio experiencial, promoven unha difusión cultural integral, promocionan as principais virtudes daqueles municipios onde teñen lugar e internacionalizan as súas propostas.

Mais para que todo isto se produza é preciso o concurso das administracións públicas e de axentes de diversa natureza: institucións, asociacións, centros de formación, profesionais de diversa índole e procedencia xeográfica, patrocinadores… Sen a súa participación o deseño e formalización dos festivais sería inviable.

Partindo deste contexto, e tendo en conta a secular relación entre a nosa provincia e Portugal, un país con algúns dos festivais audiovisuais máis relevantes, coherentes e vangardistas de Europa, a Deputación de Pontevedra, coa colaboración de PROXECTA, propón a realización duns encontros luso-galaicos nos que participarán a maior parte das e dos axentes implicados na xénese, desenvolvemento e formalización dos festivais que se realizan a un lado e outro do Miño.

Cuestións coma o financiamento por parte das diversas administracións, a relevancia das institucións provinciais na socialización dos festivais, a importancia dos certames na promoción da formación e na divulgación da creatividade, a transcendencia da diversidade editorial dos festivais, a procura da igualdade e da sustentabilidade de maneira transversal, as súas contribucións ao tecido socio-económico dos concellos, as políticas de internacionalización e moitos outros aspectos trataranse nuns encontros que aspiran á xeración de sinerxías que permitan transcender os límites fronteirizos e que posibiliten unha real e frutífera interacción entre os festivais, as institucións e os diversos axentes e actores que operan en ambos os territorios.

O programa

O encontro arranca o venres 17 de xuño con tres mesas de debate. A primeira delas, trala apertura por parte de Carmela Silva e Manuel Pena (da directiva de Proxecta), centrarase nas “Administracións e o desenvolvemento dos festivais” coa participación de María del Carmen Ribeiro, técnica de Cultura do Porriño; Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación e Daniel Maciel, director exectutivo da Asociación ao Norte.

A continuación, ás 12.30 horas, a presidenta Carmela Silva; a subdirectora do Galician Freaky Film Fest, Miriam Álvarez; o director do FICBueu, Manuel Pena e a codirectora do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, Teresa Barberena, falarán sobre “Unha terra de cinema. Os Rías Baixas Film Fest”. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, terá lugar unha nova mesa de debate sobre “Festivais de Cinema. Axentes implicados” onde participarán Miguel Días, director da Agência da Curta Metragem; Paulino Pérez, vicedecano de Promoción e Comunicación da Facultade de Cíencias Sociais da UVigo;  José Quinta Ferreira, profesor  de Produción Audiovisual da ESMAD (Escola Superior de Media Artes e Design) de Porto e Noemí Chantada, vicepresidenta de CREA (Asociación de Profesionais da Dirección e Realización de Galicia).

O sábado 18 de xuño ás 10.30 horas terá lugar o encontro “A diversidade editorial” no que participarán Darío Oliveira, director do Porto/Pos/DocFilm & Media Festival; Nuno Rodrigues, director do Curtas Vila do Conde; Alfonso Pato, director do Festival de Cans; Johnyy Marques, coordinador da Comisión Artística e de Programación de CINANIMA (Festival Internacional de Cinema de Animação de Espinho) e Ana Gondad, directora de programación do Festival Primavera do Cine en Vigo. A continuación, a partir das 12 horas,  o director do Festival de Cine Fantástico de Sitges participará na mesa de debate “Expediente Sitges”.

Amais, durante o I Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais terá lugar a acción escénica “Unha muller cunha cámara” na que a partir das 19.00 horas do venres 17 de xuño Mercé de Rande e Juanma Lodo fusionarán cinema e danza para conseguir diferentes perspectivas da cámara grazas á exploración do movemento, creando unha óptica singular e insólita, dialogando ao unísono e integrando ao público que, dun xeito interactivo, poderá ser parte da película proxectada. A peza que levarán a cabo inspírase nos inicios do cinema experimental, concretamente no filme “A man with a camara movie” dirixida por Dziga Vértov e montada pola súa muller Yelizabeta Svilova.  Mercé de Rande e Juanma Lodo parten dunha colaboración entre home e muller pero invertendo os roles, pois agora será a muller a que leve a cámara e o home o que faga a edición en tempo real.

Xornada presencial, retransmitida en directo vía streaming.

As persoas interesadas en asistir ao “I Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais” poden formalizar xa a súa inscrición a través dun formulario habilitado en www.depo.gal.

PROGRAMA PDF

Está pasando!