A Deputación de Pontevedra leva este xoves ata Meaño e Ribadumia a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’

15 Xullo 2025

Trátase dunha actividade organizada pola institución provincial en colaboración con Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas que se desenvolverá no CEIP Coirón-Dena de Meaño ás 10:30 horas e na Piscina municipal de Ribadumia ás 12:00 horas


A Deputación de Pontevedra leva este xoves, 17 de xullo, ata Meaño e Ribadumia a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’ organizada en colaboración coa compañía Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas.

A actividade terá lugar ás 10:30 horas no CEIP Coirón-Dena de Meaño e ás 12:00 horas na Piscina municipal de Ribadumia, e continuará ao longo do mes ata completar as 35 citas programadas destes obradoiros nos concellos da provincia.

Con esta actividade, a Deputación ten por obxectivo divulgar entre a infancia o papel fundamental das cantareiras para a conservación e difusión da lingua galega. Deste xeito, os obradoiros percorren a biografía destas mulleres (personificadas nalgunhas figuras como as de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica) dun xeito ameno e participativo.

Durante a actividade tamén se interpretarán as pezas que cantaban estas mulleres, ademais de pezas propias de cada unha das localidades onde se desenvolvan as accións, e concluirá cun obradoiro de debuxo no que os nenos e nenas terán que realizar unha caricatura dunha pandeireteira.

Despois de visitar Meaño e Ribadumia este xoves e tralo seu paso este mércores por Cambados tras percorrer O Rosal, Oia, Cuntis, O Grove, O Porriño, Gondomar, Vila de Cruces, Barro, Bueu, Vilanova de Arousa, Pazos de Borbén, Mondariz, Moaña, Cerdedo-Cotobade, As Neves, Tomiño, Catoira, Poio, Redondela, Mos, Salvaterra de Miño, Ponteareas, Portas e Vilagarcía de Arousa, “Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas” chegará neste mes de xullo ata Pontecesures, Vilaboa, Moraña, A Lama, Ponte Caldelas, Cangas, Soutomaior e Mondariz-Balneario.

Está pasando!