A Deputación de Pontevedra oferta visitas guiadas e gratuítas á Finca Mouriscade

10 Xaneiro 2024

As visitas, abertas a grupos de ata 35 persoas de centros educativos, asociacións ou outros colectivos, permiten coñecer o laboratorio, a granxa e as terras de cultivo da considerada quinta mellor granxa de España en calidade xenética animal


A Deputación de Pontevedra oferta a centros educativos, asociacións ou outros colectivos, visitas guiadas e gratuítas á Finca Mouriscade de Lalín, a quinta mellor granxa de España en calidade xenética animal segundo o índice combinado ICO. As visitas, que poden formalizarse a través de laboratorio.mouriscade@depo.es, están abertas a grupos de ata 35 persoas e permiten coñecer o laboratorio, a granxa e as terras de cultivo.

A visita á Finca Mouriscade ten un sentido didáctico e formativo e pode formalizarse cunha antelación mínima de 72 horas á data proposta. A través dela pódese coñecer en profundidade o traballo desenvolvido por este centro de referencia en Galicia en canto á análise e investigación avanzada sobre alimentación, enfermidades e xenética dos animais, especialmente das vacas de raza frisoa, que son as máis comúns na provincia de Pontevedra e en Galicia, pero tamén do gando porcino e aves.

A proposta da Deputación de Pontevedra para coñecer Mouriscade abrangue visitas ao laboratorio, á granxa e ás terras de cultivo. No laboratorio estúdase a calidade dos alimentos e a prevención de enfermidades, así como se realízan análises de auga e xermes. Pola súa banda, na granxa trabállase na mellora xenética do gando a través da transferencia embrionaria, procurando que as e os gandeiros poidan ter animais máis saudables e produtivos. Ademais, os refugallos que se producen na Finca Mouriscade empréganse na fabricación de enerxía para autoconsumo na planta de biogás.

Finalmente o percorrido contempla unha visita ás terras de cultivo que, cunha superficie de 44 hectáreas, están destinadas na súa maior parte a cultivos de millo, para realizar ensaios de mellora da alimentación do gando así como investigacións sobre os fertilizantes.



Historia da Finca Mouriscade

O laboratorio da Finca Mouriscade foi creado en 1990 pola Deputación de Pontevedra co obxectivo de dar resposta ás necesidades do sector gandeiro, mellorar as explotacións da provincia e aumentar a calidade do leite que producen. En 2015 renováronse as súas instalacións, con preto de 1.700 metros cadrados, e incorporouse nova maquinaria coa que satisfacer a gran demanda do sector.

A implicación da institución provincial no desenvolvemento da agrogandería comezou en 1973, cando realizou un estudo sobre os animais das explotacións da provincia que confirmou a ausencia de cabezas de alta calidade. A raíz deste traballo a Deputación adquiriu a Finca Mouriscade, que conta cunhas 44 hectáreas de terreo, e comezou a importar vacas frisoas doutros países europeos para introducilas e recrialas na provincia.

A seguinte aposta da Deputación foi a creación do laboratorio, en 1990, que traballa na seguridade agroalimentaria a través de análises de forraxes, pensos e materias primas, análises de augas e a identificación de xermes e antibiogramas en mostras de leite.

A día de hoxe realízanse análises tanto para as explotacións gandeiras da provincia (para as que son de balde) coma para o resto de España, Portugal e incluso outros países europeos, desde os que hai unha gran demanda. De feito, realízanse máis de 60.000 análises de mostras cada ano.

Está pasando!