A Deputación organiza este sábado no Museo de Pontevedra un concerto de homenaxe a Castelao a cargo de Lucus Ensemble

20 Novembro 2025

  • Unha homenaxe musical á figura de Castelao no 75 aniversario do seu pasamento.
  • Será o sábado 22 de novembro de 2025, ás 19:00 horas, no Edificio Castelao.

A formación de música clásica e contemporánea Lucus Ensemble ofrece este sábado 22 de novembro ás 19:00 h no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra o concerto ‘Percorrendo Castelao’.

Trátase dunha actuación cun repertorio co que homenaxean ao intelectual galeguista. Esta actividade forma parte da programación do Ano Castelao desenvolvida pola Deputación no Museo de Pontevedra.

Trece músicos procedentes dos ámbitos do jazz e da música clásica forman este conxunto de música de cámara con repertorio propio. A formación inclúe violín, violoncello, contrabaixo, piano, percusión, frauta, fagot, dous clarinetes, saxofón, gaita e dúas voces.

‘Percorrendo Castelao’ articúlase como un percorrido musical que segue o itinerario vital de Alfonso D. Rodríguez Castelao. Iníciase e remata en Galicia, e polo camiño lévanos á Bretaña francesa, Barcelona, Nova York ou Montevideo.

A música está complementada por narracións da súa biografía e proxeccións.

Está pasando!