A Deputación presenta ‘Camiños do Sur’, a exposición itinerante que impulsa no marco europeo para valorizar o patrimonio do Camiño

17 Marzo 2022

A mostra poderá visitarse  dende este venres no exterior do Palacete das Mendoza en Pontevedra e recalará despois en Baiona, Tui, Redondela e Caldas

A Deputación de Pontevedra dará este próximo venres, 18 de marzo, o pistoletazo de saída á exposición itinerante ‘Camiños do Sur’, que impulsa no marco do proxecto europeo ‘Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular’, para valorizar o patrimonio natural e cultural das vías transfronteirizas que descorren pola provincia cara Compostela, en concreto o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa. O obxectivo é enxalzar a súa natureza e as oportunidades de desenvolvemento económico e social sostible que xeran.  A mostra, que poderá visitarse durante as vindeiras catro semanas no exterior do  Palacete das Mendoza en Pontevedra, recalará despois en Baiona, Tui, Redondela e Caldas.

“Camiños do Sur”, que ocupará un espazo de 150 metros cadrados, difundirá información a través de cubos retroiluminados e taboleiros con deseños atractivos e modernos, imaxes de gran formato e mobiliario contemporáneo, práctico, atractivo e versátil adaptado ao espazo, vanse “xuntar mundos diversos”, presentar paisaxes, vilas, cidades, persoas e culturas a carón dos camiños. En concreto, amosaranse percorridos e datos históricos, centrando a atención nos contrastes, nas relacións e similitudes entre as paisaxes, así como información sobre os núcleos de poboación que percorren as persoas peregrinas e sobre o seu patrimonio, as súas xentes, as súas tradicións e a gastronomía.

Tralo paso por Pontevedra, a mostra continuará o seu percorrido pola provincia visitando a partir do 26 de abril Baiona, onde se situará na Praza do Concello. Posteriormente, a partir do 2 de xuño, exhibirase en Tui na sala municipal de exposicións do edificio “Francisco Sánchez”, dende o 9 de xullo estará en Redondela no Multiusos da Xunqueira e rematará en Caldas, a partir do 17 de agosto, na Praza do Camiño.

O proxecto ‘Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular’, no que se enmarca a exposición “Camiños do Sur”, conta cun orzamento de 2,5 millóns de € cofinanciados polo FEDER ao 75%. O seu principal obxectivo é impulsar o patrimonio do Camiño a través de infraestruturas nas vías cara Compostela que atravesan o Oeste da Península Ibérica como son o Camiño Mozárabe, o Camiño da Costa, a Vía da Prata ou o Camiño Portugués. En concreto, a través deste proxecto no que a Deputación de Pontevedra traballa xunto a outras doce entidades do resto do Estado e de Portugal, estase a impulsar unha actuación homoxénea de sinalización; a mellorar equipamentos; empregar as tecnoloxías para poñer en valor as rutas como recursos turísticos desenvolvendo unha app; e implantar unha estratexia para a conservación, dinamización e prestación de servizos no camiño.

Está pasando!