A Deputación reforza a Rapa das Bestas de Sabucedo co concerto de Sheila Patricia, o día 26, e a actuación das Pandereteiras do Val de Quireza, o día 29 de agosto

18 Agosto 2021

A Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coas grandes festas de interese turístico do destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia e programa este ano un concerto “antesala” da Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada). A Rapa regresa neste 2021 tralo parón obrigado do 2020 por mor da pandemia e celebrarase así a finais deste mes agosto. A actuación musical, en colaboración co Concello, estará a cargo da cantante Sheila Patricia e celebrarase na xornada previa ao inicio da festa, o día 26 no singular espazo do Curro Vello (21.30 horas).

A cantautora, natural de Vilaboa, é unha das novas voces de Galicia, cunha especial sensibilidade e unha potente presenza do empoderamento feminino na súa música. A continua preocupación polo seu, pola súa terra, reflíctese no seu discurso artístico, recuperando o sentimento do canto popular, herdanza da súa avoa, unha das máis fortes referencias femininas da artista. Sheila Patricia está incluída no directorio elaborado pola Deputación no marco do programa “Descúbreas” para impulsar a contratación de artistas femininas do eido musical.

“Simbiose” é o seu novo espectáculo, nesta ocasión en formato trío. Trátase dunha revisión de ritmos populares galegos e doutros lugares do mundo que, fusionados con electrónica, dan lugar a un formato onde o ritmo e o movemento toman todo o protagonismo. Sheila Patricia é filla dunha galega e dun arxentino, e reúne nas súas composicións trazos do folclore de ambos os dous lugares; unha mestura de cores con sabor atlántico a medio camiño entre o tradicional e o moderno.

Esta actuación, para a que o acceso será libre ata completar o aforo, servirá como prólogo da festa de Sabucedo. Esta ancestral celebración constitúe unha das tradicións máis singulares na provincia, é unha das seis festas de interese turístico internacional das Rías Baixas, distinción que acadou no ano 2007. Contan tamén con esta declaración a Romaría Viquinga de Catoira, a Festa da Arribada de Baiona, a Feira do Cocido de Lalín, o Corpus Christi de Ponteareas coas súas alfombras florais, e a Festa do Albariño de Cambados. A Deputación colabora na promoción destes eventos de renome e proxecta tamén os atractivos turísticos dos territorios para impulsar as visitas durante todo o ano.

A programación cultural dependente da Deputación nas festa cabalar estradense complétase coa actuación das Pandereteiras do Val de Quireza, encadrada dentro do programa provincial Pontegal, e que se celebrará o próximo día 29.


Está pasando!