A Deputación retoma este xoves día 3 en Pontevedra o espectáculo ‘X Xela’ para celebrar as Letras Galegas

28 Maio 2021

Tras cancelar pola chuvia imprevista o pasado 14 de maio, a praza da Ferraría de Pontevedra será este xoves día 3 ás 20.30 horas o escenario do espectáculo ‘X Xela’.

Trátase dun evento multidisciplinar organizado polo departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra co gallo das Letras Galegas dentro dunha programación que  continuará todo o ano baixo o lema ‘365 días en galego’.

‘X Xela’ é dun espectáculo multidisciplinar no que todo tratará en torno a obra da autora misturando tres formatos (música, poesía e fotografía).

“Será un show dinámico, atractivo e 100% feminino para homenaxear a unha poeta tan singular”, apunta a deputada María Ortega, que subliña que a asistencia é gratuíta, podendo reservar as prazas que quedaron libres tras o cambio de data a través do formulario existente en www.depo.gal.

A parte musical do evento correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación galega que está a revolucionar a música galega coa mestura de música e literatura, que musicará poemas de Xela Arias dende formatos máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero.

A parte de fotografía tómase das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria.

A parte poética de ‘X Xela’, comisariada por Tamara Andrés, contará con catro poetas que representan, comparten a forza e a linguaxe poética da homenaxeada: “Helena Salgueiro, que ten a poesía incrustada no corpo; Estíbaliz Espinosa, unha poeta cos pés na terra, a ollada no ceo e a lingua e o corazón cheos de curiosidade; e Nuria Vil e Vanessa Glemsel, que teñen o proxecto ‘Dúas gamberras e un micro’, que son rebeldes e denunciadoras de desequilibrios e lanzan frases coma frechas. O espírito de Xela estará moi presente”, subliña a comisaria.

Está pasando!