A discografía de José Afonso, reeditada por mais5, no Culturgal da man de Nordesía producións

22 Novembro 2022

  • Os sete álbums reeditados ata o momento en vinilo e CD polo selo luso, poderán adquirirse no marco da XV feira Culturgal
  • O 25 de novembro está previsto o último lanzamento deste 2022, Com as minhas tamanquinhas (1974), que presentará o coordinador do proxecto
  • Esta alianza entre o selo mais5 e Nordesía producións coincide co 50 aniversario do concerto de José Afonso en Santiago, onde estreou ‘Grândola, Vila Morena’


En Santiago de Compostela, detrás do auditorio de Galicia, está o Parque José Afonso. Non é casualidade. Foi en Compostela, naquel concerto multitudinario do 10 de maio de 1972 no Burgo das Nacións, hai agora cincuenta anos, onde o “Zeca” –para as amizades– interpretou por primeira vez a despois famosísima ‘Grândola, vila morena’.

A mítica canción composta no 1964 non sería incluída nun LP até 1971, cando aparece gravada no ‘Cantigas do Maio’, álbum que foi vítima da censura e que hoxe está considerado o mellor de José Afonso. Trátase dunha das reedicións da discografía do cantautor luso coas que o selo mais5 (Lusitanian Music Publishing) busca divulgar a súa obra, única no panorama da música nacional e internacional.

De ‘Cantares do Andarilho’ (1968) a ‘Coro dos Tribunais’ (1974), o catálogo inclúe até o momento sete dos álbums máis coñecidos do artista de Aveiro, entre eles ‘Venhan mais cinco’ (1974) ou ‘Traz Outro Amigo Também’ (1970). Por primeira vez, ademais de nos formatos clásicos de CD e LP, as obras están dispoñibles en paralelo nas plataformas dixitais.


25 de novembro, próximo lanzamento: ‘Com as minhas tamanquinhas’ (1976)

PRE-SAVED ‘Com as minhas tamanquinhas’ 

Coincidindo coa celebración do Culturgal, o próximo 25 de novembro sairá o último dos álbums reeditados neste 2022. Ilustrado polo artista plástico João de Azevedo, ‘Com as minhas tamanquinhas’ gravouse no ano 1976 nos Estudios Arnaldo Trindade. Daquela, José Afonso xa tiña colaborado con moita xente ilustre, coma José Mário Branco ou Fausto Bordalo Dias. Mais nesta ocasión decidiu convocar un socio inusitado, un mozo de 28 anos chamado Quim Barreiros. 

Considerada por moitos unha das mellores cancións feitas en Portugal na segunda metade do S. XX e un himno musical, ‘Os Indios da Meia-Práia’ forma parte deste álbum, que tamén inclúe a popular ‘Os fantoches de Kissinger’. Máis festivo nos arranxos que ‘Cantigas do Maio’,‘ Com as minhas tamanquinhas’ é tal vez o traballo do Zeca que conxuga máis chamamento popular con innovación e orixinalidade musical.

O álbum en formato CD e LP sairá á venda en primicia no marco da Culturgal, na que participa Nordesía producións como socio local. O representante do selo mais5, Nuno Saraiva, acudirá ao stand da feira o sábado 26 de novembro para presentar este proxecto que vai xa polo seu oitavo lanzamento, e que ten previsto continuar no 2023.

Será a quenda doutros títulos dun músico sen igual que a mediados do século pasado iniciou unha extensa carreira musical, sempre da man da intervención cívica e política.


Está pasando!