Presentación da Escola de Letras | © Deputación de Pontevedra

A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia inicia o 1 de marzo a súa cuarta edición

8 Febreiro 2023

Carmela Silva: “Amais do seu éxito de participación e do elenco de docentes que fai este proxecto extraordinario e de gran calidade, a Escola está a cumprir o obxectivo de que a xente escriba. É un espazo para que a xente saiba que a cultura é imprescindible”


Consolidada como referente galego e estatal e co aval internacional que supuxo a súa presentación na última edición da Feira do Libro de Frankfurt, a Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia inicia o vindeiro 1 de marzo a súa cuarta edición, que se prolongará ata outubro. A presidenta provincial, Carmela Silva, a deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, o director da Escola, Francisco Castro e os docentes Antonio García Teijeiro e Esther Carrodeguas participaron onte na sede de Vigo na presentación do novo curso, que ofrecerá, ao igual que os anteriores, 6 obradoiros literarios cun total de 90 prazas e no que Carrodeguas e a poeta Marta Dacosta se incorporan ao claustro do profesorado, xunto a Diego Giráldez, Inma López Silva e García Teijeiro. Hoxe mércores 8, ás 08:00 da mañá, ábrese o prazo de inscrición para os dous primeiros talleres en Vigo e Pontevedra.

Carmela Silva subliñou “o éxito” e a transcendencia lograda pola Escola nas súas tres anteriores edicións, nas que entre os 18 obradoiros e as master class con autores e autoras da literatura galega, participaron preto de 500 persoas. Lembrou a excepcional acollida dos talleres sobre os distintos xéneros, con prazas esgotadas en horas e listas de agarda en todos eles, e destacou “o elenco extraordinario” de profesoras e profesores , “que son os que fan que a Escola teña unha enorme calidade”. “Amais do éxito –subliñou-, e de cumprir o obxectivo de promover que a xente escriba e a lea, esta Escola é un espazo para que a xente saiba que a cultura é imprescindible para a vida, que xera sociedades potentes e cohesionadas, cun pensamento libre e capacidade de crear. Para nós a creación, neste caso a literaria, é un momento de ledicia, de saber que estamos a facer algo que mellora a sociedade”. Incidiu así mesmo nos variados perfís e idades das persoas alumnas e o feito de que algunhas delas “xa están agora coa súa escrita”.

A presidenta tamén puxo en valor que “este proxecto único e marabilloso” en Galicia e o Estado “trunfou” na última edición da Feira do Libro de Frankfurt, a de maior relevancia mundial: “Chamou moito a atención esta idea e tivemos unha gran participación nesa feira á que fomos invitados polo Goberno do Estado, xa que estaba dedicada a España. Participamos nas actividades máis relevantes amais de ter unha presenza orgullosa con todas as persoas que escriben en galego e as asociacións que lles representan”.


Presentación da Escola de Letras | © Deputación de Pontevedra

Este feito foi tamén destacado polo director da Escola de Letras e de Galaxia, Francisco Castro, quen subliñou a atención prestada á presentación do proxecto provincial, “onde non só había xente de Galicia, senón doutros países, que tiñan curiosidade por este proxecto formativo”. “A Deputación e Galaxia –afirmou- queren internacionalizar a Escola de Letras e ímolo facer. Fixemos contactos co Instituto Cervantes e estamos convencidas e convencidos de que hai que levala polo mundo adiante”.  Castro, que agradeceu o apoio da institución provincial á iniciativa, chegou a sinalar que coa Escola “morremos de éxito, xa que non creo que haxa moitas actividades no conxunto do Estado onde se cubran tan rapidamente as prazas e teñamos que manexar unha lista de agarda de centos de persoas”. Destacou que o vindeiro 23 de abril presentarase o volume coa escolma de traballos do alumnado da terceira edición, “porque esta é unha Escola con froitos palpables, e para o alumnado é moi importante ver que parte do seu traballo existe en forma de libro, que amais está nas librerías”. Tamén o feito de que xa hai un libro publicado por unha das alumnas e outro que verá a luz neste 2023, “co que o obxectivo de facer canteira de escritoras e escritores se está a conseguir, e precisamente unha delas obtivo un importante premio literario”.

Pola súa banda, Antonio García Teijeiro, que volverá ofrecer o seu obradoiro de poesía, quixo poñer en valor que este xénero siga tendo presencia nos cursos, “porque a poesía ten que estar en todos os lugares da sociedade”. Subliñou que a súa experiencia como docente ten sido “espléndida”  e que a clave deste curso “é compartir e rachar muros”. “Hai moita xente que lle ten medo ao papel en branco –indicou- e é unha das cousas que tento que non pase. Que non partan de cero, que partan de algo que lles motive. A partir de aí, o coñecemento do acto poético é absoluto e realmente cando remata cada obradoiro síntome moi ledo de que a xente durante catro horas se evada do mundo que o rodea e sexa feliz escribindo”. Destacou tamén a maioritaria presencia feminina neste obradoiro, “amosando a súa capacidade de estar aí sempre e transformar moitas cousas”.

Esther Carrodeguas, unha das novas docentes, amosouse agradecida por entrar no claustro da Escola, “unha iniciativa incrible”, e explicou que o seu obradoiro vai concibir o xénero da dramaturxia “en pé de guerra”. “Xa di un pouco do espírito que terá –sinalou- Erguerse e reberrarse é un concepto que utilizo nos meus poemas, e animarei ao alumnado a que se reberre e aprenda a erguerse desde as letras. Para min escribir é forma, pero o importante é o substrato que está debaixo e aí está o reberro e ese erguerse en pé”.


Presentación da Escola de Letras | © Deputación de Pontevedra

PROGRAMA

Os seis cursos celebraranse nas sedes da Deputación (tres no Pazo Provincial en Pontevedra e tres na sede de Vigo) entre marzo e outubro, con horario de 18.00 e as 20.00 horas. Comezarán cos obradoiros literarios de Inma López Silva en Vigo (1, 8, 22 e 29 de marzo, 12, 18, 19 e 26 de abril) e Pontevedra (2, 9, 23 e 30 de marzo, 13, 20 e 27 de abril e 2 de maio) e co de poesía a cargo da poeta Marta Dacosta en Vigo (7 e 14 de marzo). As clases continuarán en maio co taller de poesía de Antonio García Teijeiro en Pontevedra (3 e 10 de maio) e o obradoiro literario da dramaturga Esther Carrodeguas en Vigo (3, 10, 18, 24 e 31 de maio). E en setembro e outubro impartirá o seu obradoiro Diego Giráldez en Pontevedra (12, 19 e 26 de setembro e 2, 9, 16, 23 e 30 de outubro).

A inscrición para cada curso abrirase aproximadamente un mes antes da súa realización e, deste xeito, mañá ás 08:00 horas comezará para os dous primeiros obradoiros de Inma López Silva. As persoas interesadas deben enviar un correo ao enderezo escoladeletras@editorialgalaxia.gal, incluíndo o seu nome completo, correo electrónico, teléfono, e o curso no que se desexa inscribir por orde de preferencia. As prazas adxudicaranse por estrita orde de chegada das solicitudes ata completar o límite de persoas establecido para cada curso. Terán preferencia as persoas que non participasen con anterioridade en ningún obradoiro.

Está pasando!