‘Peter, El Musical’ | © Theatre Properties

A espectacular obra ‘Peter, El Musical’ abre esta fin de semana unha intensa programación de Nadal no Auditorio Mar de Vigo

1 Decembro 2022

  • ‘Peter, El Musical’ é un dos espectáculos familiares do momento e fará en Vigo a súa única parada en Galicia este ano, con cinco funcións desde este venres 2 ao domingo 4 de decembro
  • O Auditorio Mar de Vigo programará este mes ata quince funcións de diferentes espectáculos, onde a maioria están pensados para vivir en familia
  • Para todos os espectáculos de decembro aínda se pode aplicar o desconto do 50% do Bono Cultura na billeteira do recinto, para as persoas que o desexen e ata o 31 de decembro

O Auditorio Mar de Vigo comezará esta fin de semana a súa intensa programación de Nadal, e ao grande, cun dos espectáculos estrela deste ano. Trátase de ‘Peter, El Musical’, a renovada versión deste clásico que hai máis de 20 anos se representa nos teatros de todo o mundo, e que xa viron máis de 5 millóns de espectadores.

Pero esta que chega a Vigo non é unha versión tradicional de Peter Pan, senón unha brillante posta en escena coproducida por Theatre Properties, Atresmedia e Grupo Eventix, que está recollendo grandes críticas por todas as cidades de España polas que ten pasado. En ‘Peter, El Musical’, a historia do País de Nunca Jamás, cos seus míticos personaxes como Peter Pan e o Capitán Garfio, parte dunha escenografía coa última tecnoloxía que ata fará voar aos actores sobre o público, ademais de numerosos efectos de imaxe e animación ou vibrantes coreografías.

A obra poñerá en escena máis de vinte personaxes sobre o escenario, e ten entre os seis principais intérpretes á actriz Silvia Villaú, que fará de Peter Pan e a Carlos J. Benito, que se meterá na pel do temible Capitán Garfio.

O equipo técnico e de produción xa se atopa en Vigo, onde este xoves comezará a complexa montaxe da obra, que se prolongará ata parte deste venres 2, na que terá lugar a función de apertura ás 20.30 horas. Entre a espectacular escenografía destacan elementos coma o asombroso barco do Capitán Garfio, que ten unha altura duns cinco metros.

Ademais da función inaugural do venres, ‘Peter, El Musical’, poderá verse este sábado en dobre función de tarde, ás 17.00 e ás 20.30 horas, e o domingo, tamén en dobre función. Unha matinal ás 12.00 horas do mediodía e a outra de tarde ás 17.00 horas.


‘Peter, El Musical’ | © Theatre Properties

O Mar de Vigo desenvolverá tamén unha intensa programación ao longo de todo o mes de decembro. O vindeiro domingo día 11, chega o fermosísimo espectáculo de teatro musical ‘La Bella y la Bestia’, de La Barbarie Teatro musical. A obra espertou unha enorme expectación, vai camiño de esgotar a función de tarde e tivo que sumar unha nova función matinal. A programación se completará co monólogo de Dani Martínez o 17 de decembro, con todo vendido desde hai semanas, o ballet ‘El Cascanueces’ o 18 de decembro, interpretado polo Ballet Clásico Nacional de Ucrania ou o singular espectáculo de Música e Videoxogos da Orquestra Vigo 430, que terá lugar o 23 de decembro.

A última semana de decembro será a máis intensa do ano, coa Música de Cine de John Williams e Hans Zimmer, interpretada pola Hollywood Symphony Orchestra, o 26 de decembro, o musical familiar ‘El Origen del Hielo, tributo a Frozen’, o 27 de decembro, e Break Free, un dos grandes tributos á lendaria banda Queen, o día 29 de decembro.

As entradas para todos os espectáculos programados poden adquirirse a través de www.teuticket.com, pero aínda se poden activar o Bono Cultura, con descontos de ata un 50% en cada entrada. Para as persoas que dispoñan deste bono, están abertas as taquillas do auditorio para canxear físicamente as entradas, de luns a venres en horario de 12.00 a 14.00 horas e polas tardes entre 19.00 e 21.00 horas horas. O 31 de decembro será a data límite para poder desfrutar deste desconto.

Tamén se poden adquirir estas entradas con desconto nos días de espectáculo no Mar de Vigo, desde unha hora antes da celebración.

Está pasando!