‘Nadais. Colección Filgueira Valverde’ mostra máis de 80 felicitacións que Xosé Filgueira Valverde foi recibindo ao longo de 60 anos

3 Decembro 2020

Do 3 de decembro ao 24 de xaneiro móstrase no Sexto Edificio unha selección dos máis de nove mil nadais que Xosé Filgueira Valverde foi recibindo de distintas personalidades entre 1936 e 1996.

A exposición, comisariada por Sabela Santos Filgueira, está organizada en tres seccións. A primeira está dedicada a artistas plásticos con nadais con debuxos, acuarelas, linóleos, serigrafías, fotografías… de arquitectos, pintores, escultores e fotógrafos.

A segunda sección está centrada na poesía galega dos nadais, con textos manuscritos e panxoliñas de Álvaro Cunqueiro, Ben-Cho-Shey, Manuel María, Aquilino Iglesia Alvariño ou Celso Emilio Ferreiro.

A última sección ocúpase da Música, con cantos de Nadal populares, poemas de Xosé Díaz Jácome, panxoliñas recollidas por Iglesias Vilarelle para a Coral Polifónica, algunhas destas cancións de pobo, coñecidas e cantadas nas roldas de festa de Nadal como seguramente faría Octavio San Martín, seareiro de Padrón e primeiro en enviarlle un Nadal con texto en galego trala guerra.

Está pasando!