A familia de Ernie Records celebra este 2024 o seu vixésimo aniversario

10 Xaneiro 2024

  • Coa paixón intacta. Así arrincamos en Ernie Records o 2024; un ano no que celebramos dúas décadas de traxectoria como selo discográfico e axencia de management
  • Porque foi precisamente a paixón pola música a que, alá por 2004, supuxo a orixe do proxecto. 20 anos despois, Ernie Records converteuse nunha familia que celebra con emoción o camiño percorrido e que brinda con ilusión polo futuro

Boyanka Kostova. Camellos. Carlangas. Grande Amore. Havalina. Holywater. Isius. Julio de la Rosa. Los Rastreadores. Mundo Prestigio. Natalia Ferviú. Niños Mutantes. Ortiga. Santi Araújo. Shego. Beira Fauna. Todos estes artistas, estas bandas, son quen o fai posible. Pero tamén todas as persoas, formacións e todos os proxectos cos que, dunha ou outra forma, colaboramos nestas dúas décadas; porque forman parte do camiño que nos trouxo ata aquí.

Desde Ernie Records, pensar no últimos vinte anos supón rememorar moitos, moitísimos concertos; moitas máis cancións, moitos discos, moitísimas máis reunións e horas de conversación. E infinitos abrazos; incontables sorrisos.

Porque somos a través dos demais. A filosofía africana utiliza a palabra ubuntu para falar de fraternidade e respecto, dunha forma de vida solidaria, unha sorte de rede integradora. Algo como o que sucede en Ernie Records, traballo e goce en equipo, unha sorte de familia. E é que o noso obxectivo é dar á publicación de discos e ao traballo cos artistas un coidado profesional que non só non estea rifado coa emoción, senón que sirva para potenciala.

E, como a todos, a nós tamén nos gusta iso de comezar o ano con bos desexos e novos propósitos. Con todo, este 2024 é especial, pide máis. Celebrar vinte anos de traxectoria suma un extra de ilusión a pensar no futuro, así que nos próximos meses, desde Ernie Records, imos con todo.



Comecemos polo principio; estamos a estrear un novo logo -desenvolvido por Branca Studio- que conmemora a ocasión; vestimos a Ernie de festa e dispoñémonos a brindar por todo o que está por vir, que non é pouco.

Teremos moitas novas cancións, que son o motor de todo isto. Novos videoclips e, por suposto, novos discos. DISCOS, así con maiúsculas. O ano tamén chega cargado de xiras, de citas na túa cidade con novas propostas sobre os escenarios. Traballos que supoñerán todo un salto nos proxectos dos nosos artistas e bandas, quen neste 2024 non deixarán de crecer.

E si, temos máis. Xa podes facerche coa nosa camiseta conmemorativa deste 20 aniversario, porque a familia de Ernie Records faise tamén, e sobre todo, grazas a ti, que estás alén. Estas dúas décadas alcánzanse grazas ás persoas que escoitades as cancións e vibrades nos concertos, dándolle sentido a todo.

Este ano tamén seguiremos apostando pola sustentabilidade. Este propósito non é novo, pero sempre convén renovalo e revisarse. Queremos seguir formando parte do cambio e contribuíndo a través da música á promoción do talento e á creación de redes que permitan transformar o noso territorio nun espazo de convivencia e benestar comunitario.

O mesmo coidado que damos tanto aos nosos artistas como aos discos que publicamos, faise extensible ao resto da nosa actividade co obxecto de xerar impacto positivo alí onde estamos presentes. Podes consultar todas as nosas accións na nosa web, e como mostra do noso compromiso, o pasado 2023 adherímonos ao Pacto Cultura Sustentable, alianza entre entidades culturais galegas para traballar de forma conxunta e coordinada na integración da Axenda 2030 nas prácticas culturais.



E non queremos alongarnos, pero é que 20 anos dan para moito. A banda sonora póñena, puxérona e poñerana, sempre, os nosos artistas. As nosas bandas. Os proxectos dos que tivemos e temos a sorte de formar parte. Ernie Records é, en si mesmo, un lugar marabilloso, pero é de xustiza situalo no mapa. Ponte Caldelas é a vila na que Ernie Records pasou de ser unha idea a unha realidade, é o lugar desde o que o proxecto creceu ata hoxe. E é tamén desde Ponte Caldelas desde onde seguirá crecendo, porque outra das novidades de 2024 é que alí estrearemos proximamente a nosa oficina.

O progreso de Ernie Records tamén pasou polas mans dun equipo humano espectacular que estivo conformado por moita xente. Persoas que formaron parte da familia ás que, neste aniversario, tamén queremos dar as grazas. Un agradecemento extensible a todos os que dunha ou outra maneira, suman no noso día a día e bótannos unha man; prensa, técnicos, gráficos, patrocinadores, salas, distribuidoras, outros selos…

Hoxe, conformamos o equipo Rocío Fernández -máis coñecida xa como Rocío Ernie-, Celia Arcos, Tonai Grande, Bea Camiña, Guada Guerra e, por suposto, Josiño Carballo, quen soñou un día con traballar nisto da música e vinte anos despois tróuxonos ata aquí. Fíxoo a base de ilusión, e chega coa paixón intacta; coma se este aniversario fose de novo un comezo. A el, tamén, as GRAZAS.

SEGUIMOS.

Ao touro que é unha cabra!

Está pasando!