A Feira Franca regresa logo de dous anos sen poder ser celebrada co Lérez como protagonista e coa Boa Vila expectante

29 Agosto 2022

  • As rúas e prazas da cidade vivirán de novo esa combinación de gastronomía, ocio, animación e música onde traballarán máis de vinte agrupacións e asociacións de xeito directo
  • O venres 2 de setembro será iniciada a actividade festiva, cos pregoeiros e o espectáculo
  • O Lérez na Ferraría; e o sábado 3 de setembro Pontevedra fará mergullo no seu pasado medieval 

A nova de ter que dar, dous anos seguidos, que a Feira Franca non podía ser celebrada na cidade foi unha «das que máis traballo nos deu, pois sabemos que é unha festa que marca o final do verán, o inicio do outono e na que participan de forma directa ducias de colectivos e agrupacións». Así será este ano, un 2022 no que volve ser celebrada a Feira Franca, e no que haberá Feira Franca.

Xa anunciado no seu momento, o protagonista —a temática— deste ano será o río Lérez, un feito que semella coller aínda máis forza coa situación de seca que atravesa o municipio, e que resalta a importancia desta fonte de auga para a cidade. «Somos conscientes, máis que nunca, do papel do río Lérez para o desenvolvemento de Pontevedra e mesmo de todos os concellos da comarca. Xa pensabamos no 2020 que debía ser o protagonista, pero non podiamos nin imaxinar até que punto falaríamos do Lérez na nosa vida cotiá. É unha homenaxe máis que merecida», explica a edil de Festas, Carme da Silva.

Alén desta temática, cómpre lembrar que a Feira Franca alcanza a súa XXI edición, recobrando toda a forza e todo o esplendor que nos últimos anos chegou a ter. Un evento masivo, a pé de rúa, onde se xuntan diversas e variadas propostas: gastronomía, ocio, música, animación, artesanía… Un conxunto de elementos que fan posíbel que a Boa Vila mude de tempo e de idade, unha festa na que toda a veciñanza participa e que durante xornada e media fai mergullo no pasado.

Este ano, a Feira Franca comezará o venres 2 de setembro cos pregoeiros a cabalo anunciando o comezo da mesma polo centro histórico, sobre as 19 horas. Un anaco de tempo despois, ás 22 horas, iniciarase o espectáculo inaugural da man da compañía Pablo Méndez Performance na Ferraría e que, segundo o indicado polos propios artistas, lograrán «facer falar ao río».

O día seguinte, o sábado 3, será a xornada grande, unha das máis importantes para Pontevedra, tanto no eido do ocio como no económico. «Se algo é a Feira Franca é o contacto, a socialización e a participación de moitísima xente, tanto da que vén a gozar dela, como a que participa na súa organización», comenta Da Silva. «Hai máis de 20 agrupacións e asociacións que farán actividades nas distintas prazas e nas rúas».

A continuación pode ser consultado o programa completo:

Venres 2 de setembro. Xornada inaugural

  • 19.00 h. Pregoeiros a cabalo anuncian o comezo da XXI edición da Feira Franca polo centro histórico.
  • 22.00 h. Espectáculo O Lérez a cargo da compañía Pablo Méndez Performance na Ferraría.

Sábado 3 de setembro. Día da Feira Franca

  • 11.30 h. Apertura do mercado medieval (avda. de Santa María) e da mostra de oficios (praza da Ferraría, Pedreira e do Peirao).
  • 11.30 h. Música medievalTrobasóns, centro histórico.
  • 12.00 h. Recreación do transporte do viño pola asoc. Recriativa de Xeve, Art Monium, Troula, animación, música, representacións… Percorrido: rúas de Santa Clara, Sarmiento, Pasantaría, praza da Ferraría e remate na praza da Peregrina.
  • 12.30 h. Cantar de cego e música medieval a cargo de Pola Vila polas rúas do centro histórico.
  • 12.30 h. Demostración e obradoiros de esgrimaEscola Hungaresa, Montero Ríos.
  • 13.00 h. Exhibición e obradoiro de iniciación á esgrima antigaMercenarios do Norte, praza de Ourense.
  • 13.00 h. Grupo de animación. Adarve.
  • 13.00 h. Tiro con arco. Boa Vila, Montero Ríos.
  • 13.30 h. Cetraría. Falcóns Galicia, Montero Ríos.
  • 17.00 h. Demostración e obradoiros de esgrimaEscola Hungaresa, Montero Ríos.
  • 17.30 h. Gran torneo medieval. Hípica Celta, praza de touros. Entrada de balde ata completar capacidade; polas portas 2, 3 e 6.
  • 17.30 h. Animación medieval. Olodum do Coio, centro histórico.
  • 17.30 h. Exhibición e obradoiro de iniciación á esgrima antigaMercenarios do Norte, Ferraría.
  • 18.00 h. Cantar de cego e música medieval a cargo de Pola Vila polas rúas do centro histórico.
  • 18.00 h. Dragoada. Art Monium, centro histórico.
  • 18.00 h. Os bufóns. Troula.
  • 18.00 h. Música e bailes medievaisAsociación de Coros e Danzas Duos Pontes, Peregrina.
  • 18.30 h. Tiro con arco. Boa Vila, Montero Ríos.
  • 18.30 h. Grupo de animación. Adarve.
  • 19.00 h. Cetraría. Falcóns Galicia, Montero Ríos.
  • 19.30 h. Pasarrúas. Bufóns Medievais. Art Monium, centro histórico.
  • 20.00 h. Grupo de animación. Adarve.
  • 20.00 h. Gran torneo medieval. Hípica Celta, praza de touros. Entrada de balde; portas 2, 3 e 6.
  • 21.00 h. Música medieval. Trobasóns, centro histórico.
  • 21.45 h. Pasarrúas dos Errantes, centro histórico.
  • 23.00 h. Pasarrúas e fin de festa. Art Monium, centro histórico.

Xogos para nenas e nenos

CASTELO AVENIDA DA RAÍÑA VITORIA

De 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h. Circuíto de xogos.

SOPORTAIS DA PEDREIRA

De 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 h. Obradoiros creativos para a cativada.

PRAZA DE ESPAÑA

De 11.00 a 21.00 h. Carruseis medievais para a cativada.

A partir das 12.00 h. Campamento medieval.

Río Lérez

Concentración de embarcacións tradicionais. Entre as pontes do Burgo e das Correntes.

Guía de actividades fixas

Asoc. Recriativa Xeve. Representación da comitiva do transporte do viño (mercadores, labregos e arrieiros). O grupo irá escoltado polos gardas do antigo couto de Xeve, encabezados polo señor do pazo de Gondar.

Asoc. de Coros e Danzas Duos Pontes. Espectáculo de danza e música (Peregrina).Taberna medieval (parte posterior Concello).

Club Boa Vila de Tiro con Arco. Demostración de tiro con arco e competición. Montero Ríos.

A.VV. Salcedo Norte. Xantar e cea medieval acompañados de xogos tradicionais. Xardíns de Casto Sampedro.

Asociación Alba (asoc. de familiares e amigos de axuda a enfermos psíquicos). Obradoiro de olaría. Ferraría.

Ventos. Taller de xoiaría vexetal e escritura. Ferraría.

Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial – Culturmar. Concentración de embarcacións tradicionais de Galicia no río Lérez, entre as pontes do Burgo e das Correntes, mostra de embarcacións tradicionais e atrezzo mariñeiro.

Mercados medievais

Mercado de ALIMENTACIÓN. Alameda, praza de España, soportais da Ferraría, Pasantería e praza de Curros Enríquez.

Mercado de ARTESANÍA. Avda. de Santa María.

Mercado de demostración de OFICIOS e OBRADOIROS. Prazas da Pedreira, Ferraría e do Peirao. Toneleiro, telleiros, oleiro, tecedeiras de liño, latoeiro, redeiras, palilleiras, canteiros, cesteiro, ferreiros, carpinteiro, torneiro de instrumentos, curtidor de peles, tallista, artista ferreiro, carpinteiro de ribeira…

XXI Feira Franca – O Lérez

Pontevedra, grande vila!

Esconxura o esquecemento. Discorren as augas limpas no Lérez, entra o nordés pola Moureira, sopra favorable para as mareas!

Esperta! Deixounos a parca! Abre as fiestras, volve o gozo!

Hai Feira Franca de camiñantes, de mariñeiros, de xente do común e de novos de corpo e de novos de espírito.

Feira Franca de domadores de desconsolo, de militantes da alegría, de devotos de romarías da vida, hai Feira Franca de alegres, de divertidos, hai Feira Franca de xente de Pontevedra.

O medo foxe cos seus dragóns, só quedan cinzas do que fomos, esperanzas dun mundo sen peste. Ven celebrar. Será os días 2 e 3 de setembro, cando o sol teña curado todas as tristuras, cando o verán amaine, cando a natureza nos regale o viño, cando as augas do Lérez nos sanden a pel.

Vinde! Honrados anfitrións os do Burgo agradecen que os acompañen os señores do sur, os das vilas do norte, aqueles que nos visitan máis alá das rías de Vigo ou de Betanzos, serán recibidos os do camiño dos arrieiros, os que cheguen por mar, os de máis alá de Castela, calquera que coñeza a nosa fama, aqueles que camiñan até Compostela, que se deteñan! Que gocen do meigallo da ledicia.

É mandato!

Hai Feira Franca na grande vila de Pontevedra; celebremos a vida!!


Está pasando!