A Praza da Ferraría acollerá un nova edición de ‘Pontebirra’, a feira da cervexa artesá de Pontevedra

14 Setembro 2021

  • O evento, organizado pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns grazas á colaboración da Concellería de Promoción Económica, terá lugar os días 16, 17, 18 e 19 de setembro
  • Unha ducia de cervexeiros artesáns procedentes de toda Galicia, Toledo e Madrid participarán no festival, que terá lugar na Praza da Ferraría e que tamén contará con food trucks

Presentación da feira Pontebirra 2021 | © Concello de Pontevedra

Ata 70 tipos de cervexas artesás diferentes terán a oportunidade de degustar os amantes do elixir de cebada e lúpulo que durante os vindeiros días 16, 17, 18 e 19 de setembro se acheguen á Praza da Ferraría para asistir á agardada feira Pontebirra 2021.

O evento, organizado pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns grazas á colaboración da Concellería de Promoción Económica e Turismo, contará con firmas procedentes de toda Galicia e doutros puntos de España, como Madrid e Toledo.

A pesares das limitacións que a pandemia motivou na programación desta nova edición da feira da cervexa artesá de Pontevedra, este festival de carácter familiar, que ten como obxectivo principal fusionar a cervexa artesá coa comida de rúa e de xerar un espazo cultural diferente, tamén ofertará obradoiros, xogos populares de madeira para tódalas idades, música ambiente e food trucks.

Unha variada e sedutora proposta que esta mañá foi presentada na Sala de Prensa do Teatro Principal pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o organizador de Pontebirra, Esteban Loureiro, e os cervexeiro Luis Tilve, responsable da firma Cervexas Meiga.

Cun aforo limitado a un máximo de 550 persoas na Praza da Ferraría, os organizadores agardan unha asistencia tan boa como a recentemente rexistrada en Lugo.

Entre os expositores de cervexa artesá que poderemos atopar ao longo de catro días na Ferrería, nun amplísimo horario (o xoves 16, de 18:00 a 00:00 horas, o venres 17 e o sábado 18, de 12:00 a 1:00 horas, e o domingo 19, de 12:00 a 23:00 horas) figuran Nós Cervexa Artesanal (Vigo), Trisk-Ale (Nigrán), Atlántica (Vigo), Menduíña (Cangas), Irmaos de Lei (Vigo), The One (Sanxenxo), Bubela (Lugo), Go (Madrid), San Nicasio (Leganés), Alé Alé (Uxes, A Coruña), Meiga (Pontevedra) e La Sagra (Toledo).

Moi variado será tamén o menú gastronómico ofertado polos food trucks instalados durante os días de feira, coa participación de Monster (grellada), Chac Mool (Tex-Mex), Caleyes (comida asturiana), Crepería Sebastián (crepes), Pizzería Artesá (pizzas), Baden Baden (salchichas alemás) e Croquetas De (croquetas artesás).


Está pasando!