Presentación da ‘Festa da Lingua 2024’ | © Concello de Pontevedra

A ‘Festa da Lingua’ promete diversión a esgalla en Pontevedra, na xornada do 17 de maio, Día das Letras Galegas

13 Maio 2024

O Centro Social A Pedreira, organizadores de todas as actividades en colaboración co Concello de Pontevedra, teñen preparadas propostas musicais e de animación tamén para o sábado


A programación de ‘Maio, mes da lingua’ avanza aos poucos, artellándose ao redor do 17 de maio, Día das Letras Galegas, como xornada central de celebración. O edil de Normalización Lingüística, do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, lembrou esta mañá que todas as actividades fixadas no calendario ao longo deste mes serían imposíbeis de facer sen a colaboración dos colectivos cidadáns e culturais da cidade, sendo boa proba disto a bautizada como ‘Festa da Lingua’ que hoxe foi presentada polo miúdo.

«Queremos facer unha celebración do 17 de maio de maneira lúdica. Queremos pasalo ben e facelo no noso idioma, celebrándoo», indicou Gómez. «Contamos coa colaboración do Centro Social A Pedreira, que se encargarán da organización desta dobre xornada, ao igual que fixeron en anos anteriores, con actividades ao longo de todo o día, incluíndo un xantar popular, aberto a todo o mundo».

Así, en representación do colectivo da Pedreira, Borxa Mexuto repasou polo miúdo o programa previsto para o vindeiro venres. «Queremos reivindicar un compromiso do asociacionismo pontevedrés que se esforza día a día, os 365 días do ano, en transmitir a lingua, en coidala e en defendela», indicou. «Este ano poñeremos a atención, se cabe máis que nunca, nas novas xeracións, no esforzo que debemos facer como sociedade para que a lingua galega se transmita e teña así mil primaveras máis».



Todas as actividades incluídas no programa son abertas, de balde e para todos os públicos. No primeiro día de actividades, o mesmo 17 de maio, a veciñanza poderá gozar da banda de gaitas Polavila, que percorrerá o rueiro da cidade a partir das 20.30 horas. Ademais, na Praza da Pedreira, ás 21.00 horas, actuarán Os Vacalouras e Catuxa Salom.

O sábado, 18 de maio, a rúa Serra vivirá unha xornada emocionante, con xogos populares da man de Sororas desde as 11.00 horas; a animación recoñecida de Peter Punk e o seu espectáculo ‘Peor Impossivel’ (ás 12.00 horas), e a banda de gaitas Foula.

O xantar popular ten previsto o seu comezo ás 14.30 horas (as crianzas poderán gozar desta actividade de balde, os adolescentes por un prezo de 10 euros e os que teñen 17 ou máis anos, por un prezo de 15 euros), namentres que as reservas poden ser xestionadas no correo electrónico apedreira@iseup.net ou no teléfono 601 981 288.

Está pasando!