As Festas da Peregrina entran na súa recta final co rock de Ilegales e os pontevedreses Black Stones

19 Agosto 2022

Igual que no resto de xornadas, as charangas seguirán ofrecendo música a pé de rúa con cancións festivas e adaptacións varias, sexa no centro ou nos barrios da cidade

Teatro ó Cubo interpretará o seu espectáculo Ghop! na praza da Curtidoira, unha obra participativa que ten como base os circos ambulantes que percorrían as aldeas do país hai anos


As Festas da Peregrina van albiscando no horizonte o seu final. Logo dunha semana intensa con programación variada e pensada para todo tipo de público, o sábado 20 de agosto terá un aroma roqueiro. O motivo non é outro que as actuacións dos Black Stones, na praza da Ferraría, e de Ilegales, na praza do Concello.

Os Black Stones son un dos bens musicais máis veteranos e coñecidos na cidade. Levan nas súas costas máis de medio século facendo música, o que os coloca no Olimpo da Boa Vila á hora de falar de experiencia e bo facer. Unha homenaxe a eses sons melódicos que mudaron o mundo entre os anos 50 e os 70, cando a música rock viviu o seu apoxeo e todos os ollos —e orellas— estaban postos nos Beatles, Rolling Stones ou na Creedence Clearwater Revival.

Ilegales, unha das bandas asturianas máis coñecidas e representativas da súa escena musical, non precisan máis presentación que a súa impresionante e longa carreira. A banda nace como tal a principios dos 80, fuxindo do pop e da chamada movida, centrando o seu son en melodías máis contundentes e roqueiras, idea que tamén coincide coas letras de Jorge Martínez, líder da banda, que amosa unha visión crítica, crúa e esperpéntica da realidade.

En pleno estado de forma, Ilegales ofrecerán un percorrido polas cancións máis coñecidas da súa carreira ao tempo que presentan o seu último disco, La lucha por la vida, editado este mesmo ano.

Doutra banda, as charangas Charandonga, OT e Mil9 tomarán as rúas; acompañadas tamén polos grupos Os Alegres e Pousos na Area.

Na praza da Curtidoira Teatro ó Cubo presentará Ghop!, un espectáculo de rúa áxil, participativo e cheo de humor; un berro cheo de ímpeto para un espectáculo coa estética clásica dos circos ambulantes que no pasado percorrían as prazas dos pobos e aldeas. Os tres protagonistas vestidos e caracterizados para a ocasión, aderezan con malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia, o show de variedades que esta compañía itinerante ofrece a un público desexoso de divertirse e participar.


Está pasando!