O Combo Dominicano e Sote DJ inauguran este martes a XXI Festa do Mar cun concerto en Samieira

22 Agosto 2022

A programación desta vixésimo primeira edición dara comezo mañá martes no campo de fútbol de Samieira, coas actuacións de SOTE DJ e o Combo Dominicano.

Ademais de en Combarro, onde se celebrarán a meirande parte das actividades, tamén se inclúen actuacións musicais espalladas por diferentes puntos do municipio que se desenvolverán ata o domingo 28 de agosto. 

Máis de dúas décadas fan que a Festa do Mar sexa un dos eventos máis importantes dentro do programa Verán en Poio, impulsado pola concellaría de Festexos.

Nesta edición, a música e a tradición mariñeira coparán todo o protagonismo da XXI Festa do Mar, que non contará con carpa gastronómica en Combarro, debido á falta de espazo no peirao da Canteira, por mor da realización das obras do emisario submarino que está a efectuar a Xunta de Galicia.

A Festa do Mar contará neste 2022 con orquestras e grupos de gran nivel. Así, ademais da actuación do Combo Dominicano, tamén chegará a Poio a Orquestra Olympus. A cita será en Raxó o mércores 24, ás 22.00 horas. O xoves 25, esta parroquia acollerá, á mesma hora, un concerto a cargo de Dr. Queen, unha das bandas tributo máis importantes a nivel mundial. Os concertos musicais pecharanse o domingo 28 na Praza da Chousa de Combarro, cun espectáculo a cargo de Concert Kids Gisela, ás 20.00 horas. Euro ABBA porá o broche final ás 22.00 horas.

A entrada será gratuíta en todas as iniciativas.

Ademais, a programación tamén inclúe o Armadiña Rock, que, como manda a tradición, levarase a cabo na Praza da Chousa de Combarro os días 26 e 27 de agosto.

Nesa fin de semana, entre o venres 26 e o domingo 28, chegará tamén o Encontro de Embarcacións Tradicionais. Logo da recepción e cea de benvida da primeira xornada, o sábado 27 iniciarase a regata da Reiboa, puntuable para a Copa Mörling. Pola tarde, será a regata pamplina a remo e a correspondente a vela. A entrega de trofeos terá lugar ás 21.00 horas. O domingo 28, antes da despedida oficial aos participantes, tamén haberá tempo para a navegación libre pola ría. Como principal novidade, este ano as embarcacións disporán de fondeos no peirao da Chousa, que se suman aos amarres que usan habitualmente no pantalán.


Está pasando!