Presentación da XXI Festa do Pan | © Concello de Ribadumia

A Festa do Pan de Ribadumia celebra este sábado a súa vixésimo primeira edición

6 Agosto 2024

Ao acto de presentación da XXI Festa do Pan que se celebrou na Carballeira de Ribadumia, asistiron, o alcalde, David Castro, representantes e concelleiros do goberno local, así como tamén representantes das panadarías do concello, o pintor Pepe Noya, compoñentes do grupo de teatro “Alecrín” e outros colaboradores que, ano tras ano, participan na realización desta festa.

“Este é un evento moi importante para Ribadumia, concello no que estamos a tentar cada día potenciar máis os eventos culturais, deportivos e gastronómicos”, sinalou David Castro.

Dende o concello destacan a aposta que realizan por este evento, que cada ano colle máis pulo. Non en van, na pasada edición pasaron pola Carballeira ao redor de 1.200 persoas.



A programación da XXI Festa do Pan que se celebrará o sábado 10 de agosto na Carballeira de Ribadumia é a seguinte:

  • De 17:00 a 19:00 h. Recollida de sobremesas elaboradas con pan e empanadas de millo para o “XXI Concurso de postres caseiros” e o “XIV Concurso de empanadas de millo”.
  • 18:30 h. Actividades infantís relacionadas coa elaboración do pan.
  • 19:30 h. Cartóons: un espectáculo familiar onde os intérpretes Víctor Mosqueira e Josito Porto, serán 2 náufragos cheos de aventuras.
  • 20:00 h. Catas dos concursos de sobremesas caseiras e empanadas de millo.
  • 20:30 h. Saída cara os Muíños do Batán acompañados do grupo Xironsa e do grupo de teatro Alecrín. A continuación, representación da “moenda do millo do país”, amasado e mostra de elaboración tradicional do pan de millo.
  • 22:00 h. Volta á Carballeira para a entrega de premios aos finalistas dos concursos, degustación de distintas variedades de pan e cea de confraternidade amenizada con música tradicional. Animación para toda a familia con inchables.
  • 23:30 h. Verbena a cargo do Dúo Caribe.
  • 24:00 h. Elaboración e degustación gratuíta de queimada.

Presentación da XXI Festa do Pan | © Concello de Ribadumia

Durante a festa poderemos degustar, acompañado do delicioso pan de millo do Salnés, ovos fritos por 2 euros, viño tinto do Salnés a 2.50 euros e papas de fariña milla ou chulas a 1 euro (ata agotar existencias). Tamén haberá empanada, polbo e sobremesas a prezos populares.

Haberá espazo para 1.000 persoas (non se reservan mesas).

Organizado polo Concello de Ribadumia coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Avícola Otres e Panaderías de Ribadumia (Carlos, Ponte Arnelas, Isidoroo e Boutique do Pan).


Presentación da XXI Festa do Pan | © Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia busca que a presentación da festa do próximo ano sexa diferente e poidan indicar que o evento foi declarado Festa de Interese Turístico de Galicia. Xa están a facer as xestións correspondentes para que así sexa. “Nestes momentos estamos a presentar a documentación precisa”, sinalou o alcalde.

David Castro insistiu na importancia de citas como a Festa do Pan para promover a imaxe de Ribadumia, poñendo en valor elementos como a Ruta da Pedra e da Auga ou a Variante Espiritual.


Está pasando!