A Festa do Pan volve á Carballeira de Ribadumia o sábado 13 de agosto

3 Agosto 2022

Despois de ser cancelada desde o ano 2020 pola pandemia de coronavirus, este ano a Festa do Pan volve a Ribadumia, unha das celebracións máis esperadas e aclamadas polos veciños do municipio.

13 de agosto poderase gozar desta festividade na Carballeira de Ribadumia, tanto os veciños do municipio como visitantes.

Para este evento, o Concello ten preparados dous concursos e algunha sorpresa máis. Por iso, desde o  Concello de Ribadumia convídase a todos aqueles que queiran asistir á Festa do Pan a que se acheguen á Carballeira de Ribadumia o vindeiro sábado 13 de agosto.

Programa:

  • De 17:00 a 19:00 h. Recollida de sobremesas elaboradas con pan e empanadas de millo para o XIX Concurso de postres caseiros e o XI! Concurso de empanadas de millo.
  • 19:00 h. Animación e obradoiro infantil para coñecer a tradicional elaboración do pan. Nenos e nenas poderán participar en todas as fases de preparación dun pan e levar consigo a súa elaboración e un agasallo sorpresa.
  • 20:30 h. Catas dos concursos de sobremesas caseiras e empanadas de millo.
  • 21:00 h. Saída cara ós Muíños do Batán para a representación da moenda do millo do país, amasado e elaboración tradicional do pan de millo. Actuación do Grupo Xironsa e animación para o público infantil.
  • 22:00 h. Volta á Carballeira para a entrega de premios aos finalistas dos concursos, degustación de distintas variedades de pan e cea de confraternidade amenizada con música tradicional. Animación para toda a familia con diferentes xogos e inchables.
  • 23:30 horas. Verbena a cargo do Dúo Marema.

• Venda de ovos fritos con pan a 2€, viño tinto do Salnés a 2,50€ e papas de fariña milla ou chulas a 1€ (ata esgotar existencias).

• Postos de polbo, pan, empanadas e postres a prezos populares.

• Haberá espazo para 1.000 persoas (non se reservan mesas).

Ven caracterizado na Ribadumia dos anos 50!


A Festa do Pan de Ribadumia

Para rememorar un tempo no que os muíños eran punto de encontro da sociedade, e a importancia do pan naquela época, desde 2001 celebrase en Ribadumia a “Festa do Pan”.

Durante esa celebración, que ten lugar no mes de agosto, recuperase o funcionamento dun muíño, no entorno dos Muíños do Batán, en Santa Baia, e celebrase logo un serán na carballeira de Ribadumia, amenizado por música tradicional e onde os veciños poden probar diferentes variedades de pan.

Dende a edición do 2015 ademais faise unha aposta por poñer de relevancia os produtos dos panadeiros municipais, un gremio moi asentado no concello ribadumiense.


Está pasando!