Presentación da X Festa do Viño Espumoso | © Concello de Salvaterra de Miño

A Festa do Viño Espumoso D.O. Rías Baixas en Salvaterra de Miño chega a súa décima edición

13 Novembro 2024

Nesta edición a festa comezará o venres 6 de decembro e continuará os días 7 e 8 cos espumosos da D.O. Rías Baixas como grandes protagonistas


Cando falta menos dun mes para comezar o mes de decembro, a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, a concelleira de Cultura, Lorena Soto, e o presidente da Cofradía do Viño do Condado do Tea e Espumosos, Antonio Alén; presentan a X Festa do Viño Espumoso D.O. Rías Baixas en Salvaterra de Miño.

Nesta edición tan importante, a festa ampliarase cun día máis coincidindo a celebración nos días 6, 7 e 8 de decembro no recinto amurallado, contando como en edicións anteriores cunha carpa que albergará os protagonistas desta festa, os espumosos.

En total serán once as adegas participantes, unha máis que o pasado ano, que ofrecerán os seus viños espumosos e todo acompañado de tapas diversas ademais de doces, cafés e chocolates; unha festa que mantén a mesma filosofía, por en valor os viños espumosos da nosa comarca, un produto que ano a ano vai gañando adeptos.

Ademáis de viño e gastronomía este ano tamén haberá música para amenizar a festa. O público poderá desfrutar con grupos como Los Lunes al Sol, La Mafia, Terapia de Grupo, La Buena Vida, Alter Nós, A de Sabas, La Franga ou Rukan Rock Blues, entre outros.

A inauguración terá lugar o venres 6 ás 18:00 horas coa actuación de A.C. Pontenova e a apertura dos stands. O sábado 7 comezará a festa ás 12:00 horas e ás 18:30 horas haberá Show de Cócteles de Espumoso a cargo de Sebaristas. E o domingo 8 ás 11:30 horas terá lugar o acto de nomeamento de novos cofrades da Cofradía do Viño do Condado do Tea e Espumosos para posteriormente realizar o tradicional degüelle a sable e brindis a cargo de Luis Paadín e Alejandro Paadín, Ambassadeurs du Champagne de España e formadores homologados de cava.

Ademais, a Cofradía do Viño do Condado do Tea e Espumosos organiza para o 4 de decembro unha Master Class sobre coñecementos prácticos na elaboración de viños espumosos polo método tradicional impartido por Agustí Torelló I Sibill. Unha formación dirixida principalmente a profesionais do sector cun custe de 40 euros. Máis información en cofconteaespu@gmail.com

Está pasando!