A Festa dos Libros de Pontevedra abre as súas portas esta fin de semana na Praza da Ferraría

4 Xullo 2024

  • Organizada polo Concello de Pontevedra e as librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Erebor Cómics, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Libraría Paz e Seijas, a cita terá lugar entre o 5 e o 7 de xullo
  • Presentacións, faladoiros, contacontos, sinaturas de exemplares, recitais, talleres, actuacións musicais… compoñen o programa de actividades da cita, pensada para todos os públicos

Xa está todo disposto para que mañá, venres 5, dea comezo a sétima edición da Festa dos Libros. Organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con trece librarías da cidade, reunirá a máis de 100 autores e autoras que participarán en máis de 90 actividades, tales como presentacións, faladoiros, contacontos, sinaturas de exemplares, recitais, talleres…

Durante tres días, os postos das librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Erebor Cómics, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Libraría Paz e Seijas estarán abertos de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.30 h (agás o domingo que pechará media hora antes) e ofrecerán sinaturas de libros nos seus respectivos postos.

O programa de actividades para este primeiro día dará comezo ás 11.30 horas coa presentación musical do libro-disco ‘Ramona pequena vai á Lúa’ (Editorial Galaxia). O músico, compositor e produtor Paco Cerdeira, Pakolas, convida á cativada a unha nova aventura rockeira: a viaxar coa Ramona pequena desde os seus pensamentos ata a Lúa, desde as súas inquedanzas ata as súas xenialidades.



De seguido, ás 12.30 horas, chegará unha nova sesión de Os vermús de Pinto e Maragota. A poeta María Carmen Caramés Grogal presentará a súa obra ‘Todo o que doe’, premio Pinto e Maragota pola diversidade sexual e de xénero, pola certeira representación da dificultade que supón, nesta historia, o amor entre dúas mulleres fóra das normas establecidas, así como a reivindicación do dereito a vivir o amor en liberdade. Contará co acompañamento musical de Gael de Papel.

Está pasando!