A Festa dos Libros marca no calendario a súa celebración para encher a Ferraría de libros e cultura

30 Xaneiro 2023

Entre o 7 e o 9 de xullo, trece librarías da cidade de Pontevedra promoverán presentacións, sinaturas, conversas e máis actividades nun espazo singular e emblemático da cidade


A Festa dos Libros volverá no 2023 a Pontevedra. A concelleira de Festas, Carme da Silva, mantivo unha reunión esta semana coas librarías pontevedresas e os seus responsábeis para comezar a xestar a edición deste ano, que xa conta cunha data que marcar no calendario.

Entre o 7 e o 9 de xullo, a praza da Ferraría funcionará como un epicentro cultural de historias, relatos, conversas e contos. A Festa dos Libros é exemplo evidente de como Pontevedra logra usar o espazo público como un escenario para o encontro e o ocio. Así, alén da venda de libros, os libreiros e libreiras promoverán sesións de conta contos, presentacións de novos títulos, sinaturas de obras, charlas e mesas redondas, concertos, etcétera.

Os horarios serán de 11:00 a 14:00 horas e de 18 a 22.30 horas, agás o domingo, no que o peche será ás 22:00 horas. En total, participarán 13 librarías da Boa Vila:

  1. AVIONES DE PAPEL
  2. CAO
  3. CLIP
  4. CRONOPIOS
  5. D-LECTUM
  6. EL NARANJO
  7. EL PUEBLO
  8. ESPAZO LECTOR NOBEL
  9. LA NUBE DE PAPEL
  10. LIBRARÍA PAZ
  11. LIBRERÍA ESCOLMA
  12. LIBRERÍA METÁFORA
  13. LIBRERÍA SEIJAS
Está pasando!