A fotografía de autor de José Suárez centra a vindeira exposición temporal no Museo de Pontevedra

17 Febreiro 2021

As imaxes de autor de José Suárez, un fotógrafo absolutamente singular dentro da fotografía galega, centrarán a vindeira exposición temporal do Museo de Pontevedra. A mostra antolóxica ‘José Suárez. 1902-1972′ poderá visitarse no ‘Edificio Castelao’ desde o vindeiro 2 de marzo ata o 18 de abril e recollerá 150 fotografías nunha proposta expositiva dos comisarios Xosé Luis Suárez Canal e Manolo Sendón que achega ao público a obra dun dos máis vangardistas e orixinais fotógrafos galegos do século XX.

A mostra percorre toda a traxectoria profesional do autor a través da exhibición dunha selección de 150 fotografías, máis un número importante de cartas, documentos, libros e catálogos que axudan a dar unha visión de conxunto da súa biografía profesional. Para a súa mellor comprensión, presentarase dividida en tres grandes seccións á súa vez subdivididas en series fotográficas ilustradas con pequenos textos de diversos autores ao redor do seu traballo.

Unha primeira sección falará de ‘Os anos 30: Por terras de Salamanca e Mariñeiros’, outra do ‘Exilio. 1936: Neve na Cordilleira, América del Sur, Xapón e Retratos’, e a terceira e última do ‘Retorno. 1959: La Mancha, Touros, Mediterráneo, Inglaterra e Galicia Anos 60′.

Todas elas recollen unha gran produción: desde as diferentes series fotográficas sobre a sociedade campesiña galega e o mundo do mar nas que emprega recursos formais propios das vangardas, ata a súa produción no exilio, cando compatibilizou a fotografía co cine, se instalou en Uruguai, viaxou a Xapón, e cando en 1959 retornou a Galiza.

Galicia, de Nós a nós

Ademais da exposición temporal sobre José Suárez, o Museo ten en carteira outra importante mostra que acollerá entre o 20 de maio e o 11 de xullo, a exposición ‘Galicia, de Nós a nós’, que reunirá máis de 300 pezas na que é unha das mostras máis completas e ambiciosas realizada ata o de agora sobre a Xeración Nós.

Nela poderán verse obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que poñerán o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega e para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.

Mentres se inician estas exposicións o Museo volverá o mércores 17 á normalidade da súa actividade diaria en pandemia, estando limitada a capacidade ao 30 % polas restricións nas salas abertas correspondentes á colección permanente.

Reabrirase o xoves no horario habitual a sala de investigacións e as visitas guiadas e iniciativas do departamento de educación retomaranse cando sexa posible unha vez aclaradas as pautas de persoas por grupo.

Tamén continuarán as iniciativas en liña como os ‘Contos Confinados’ os sábados pola mañá na web do Museo con contacontos para a cativada ata a primeira semana de marzo. Segue aberto o prazo para enviar propostas artísticas das e dos máis pequenos da casa sobre como vestir o Ravachol para despois amosalas no espazo vidrado do ‘Edificio Castelao’.

Está pasando!