Presentación da XL San Silvestre de Pontevedra | © SGP

A pontevedresa Teresa Abelleira dará a saída na XL edición da San Silvestre de Pontevedra

28 Decembro 2023

Onte tivo lugar a presentación da XL edición da San Silvestre de Pontevedra. O encontro foi na praza da Peregrina e a él asistiron Víctor Riobó, director técnico da proba, Charo Castro, presidenta da Gimnástica, Anabel Gulías, portavoz do Goberno local e María Troncoso, representante de Coca Cola.

A presentación foi en torno ó carácter popular e lúdico da carreira, como así o plasmou Berto Fojo, autor do cartel, inspirándose nas ilustracións sobre xogos de mesa de Alain Greé, debuxando Berto un circuíto apto para todos os públicos, sinxelo, con ese carácter familiar pero sen esquecer ese puntiño de competición. Levou a ilustración á cidade misturando elementos do tradicional xogo da Oca, do Nadal, personaxes correndo e de lugares emblemáticos que forman parte do percorrido.

Cabe lembrar que, aínda que hai premio para os primeiros corredores e os mellores disfraces, o circuíto ten pouco máis de 3 kilómetros, desenrolándose case na súa totalidade polas rúas do Casco Antigo de Pontevedra e que o groso da participación son familias, clubes e entidades deportivas, que atopan neste evento a forma máis divertida e saudable de despedir o ano xuntos.

Polo de agora a Sociedad Gimnástica de Pontevedra repartiu máis de 2500 dorsais, agardando que a cidadanía rompa coa tradición de ir recoller o seu no último momento, sobre todo porque, lembramos, o número de dorsais é limitado.

A carreira deste ano conta, ademais do Concello de Pontevedra, con colaboradores como Froiz, que proporcionará o chocolate que recibirán os corredores ó cruzar a liña de meta, A Devesa, que acompañará cuns ricos croissants para repoñer forzas, Coca Cola, que pon a auga para que ninguén pase sede e Galmotor, Miler e Hotel Rías Bajas, que colaboran coa parte “na sombra” proporcionando o transporte o primeiro e os locais para a entrega de dorsais os dous últimos. Sen eles e sen a colaboración dos participantes esta carreira non é posible.

Os representantes da organización suliñaron o carácter solidario que, como cada ano, ten a carreira. Este ano incluíuse no Regulamento da proba a obriga de aportar un kilo de alimento non perecedeiro por cada dorsal para colaborar co Banco de Alimentos de Pontevedra e a resposta de todos os participantes está sendo, como sempre, de 10.

Todos eles remataron agardando vervos a todos o día 31 de decembro ás 17:00 horas na Ponte do Burgo preparados para que toda unha campiona do mundo de fútbol como é Tere Abelleira dé a saída desta XL edición da San Silvestre 2023. Non hai un plan mellor para despedir o ano.


Está pasando!