A gala dos IX Premios Martín Códax da Música converterá o Pazo da Cultura de Pontevedra nunha verbena

3 Outubro 2022

  • Coa dirección artística de Carmen Conde (Tarabela Creativa) e a música da electrocharanga Mekanika Rolling Band, a gala ten lugar o mércores 5 de outubro ás 21:00 horas
  • Revelaranse todas as propostas premiadas, incluidas as novas categorías de Artista Emerxente e Artista do Ano, e Fuxan os Ventos recollerá o premio honorífico 2022

Conta atrás para a gala dos IX Premios Martín Códax da Música, organizados por Músicas ao Vivo, que se desenvolverá o mércores 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, reunindo todas as propostas finalistas nas diferentes categorías dos galardóns.

Unha gala baixo a dirección artística da actriz, guionista, e dramaturga Carmen Conde, de Tarabela Creativa, e que contará no escenario coa “electrocharanga” Mekanika Rolling Band, que se encarga da parte musical do evento.


Electrocharanga Mekanika Rolling Band | © Premios Martín Códax da Música

O mércores 5 de outubro a partir das 21:00 horas coñeceremos todas as propostas premiadas da edición, incluídas as das novas categorías extraordinarias: Artista Emerxente e Artista do Ano. O histórico grupo Fuxan os Ventos, que celebra o seu 50 aniversario na música, recibirá o Premio Martín Códax da Música Honorífico 2022.

A gala poderá seguirse en directo en premiosmartincodaxdamusica.gal.

O Pazo da Cultura de Pontevedra encherase de público o vindeiro 5 de outubro para asistir a unha gala na que concorren todas as bandas e artistas finalistas, os patrocinadores dos premios, boa parte das socias e socios de Músicas ao Vivo e outros axentes convidados do sector cultural de Galicia.

Sen rachar o efecto sorpresa, si que se pode adiantar que a formulación de Carmen Conde na dirección artística xirará ao redor da historia e da relevancia das verbenas no noso país. A electrocharanga orixinaria de Negreira, a Mekanika Rolling Band, constituirá un elemento fundamental no desenvolvemento da gala cos seus sete músicos.

O concepto e guión da gala dos 9º Premios Martín Códax da Música é un traballo man a man de Carmen Conde, condutora da gala, e o seu compañeiro en Tarabela Creativa, Diego Gallego, que conta coa escenografía de Bieito Miranda.

Entre as grandes novidades desta edición dos premios, as dúas novas categorías de Artista do Ano e Artista Emerxente.  No caso de Artista do Ano, o certame abriu o proceso á participación do público xeral co obxectivo de incidir na expansión de proxectos e carreiras musicais. No caso da categoría de Artista Emerxente, é un xurado profesional quen valora e decide o proxecto premiado.


Xurado dos IX Premios | © Premios Martín Códax da Música

Finalistas 2022: case 400 propostas presentadas

A relación de proxectos finalistas dos Martín Códax ofrecen unha ampla perspectiva do panorama musical galego na actualidade. Case 400 propostas foron presentadas en 2022 aos premios. Na categoría de Pop e Indie os artistas seleccionados son De Vacas, Anxo Araujo e Néboa; en Rock, Familia Caamagno, Moura e Bala e en Blues, Funk e Soul, Nastasia Zürcher, Udra e O Cadelo Lunático.

As tres propostas finalistas en Canción de Autor/a son Antía Muíño, Xóan Curiel e Sofía Espiñeira, mentres que en Músicas Urbanas son  Rebeliom do Inframundo, O Rabelo e Ilmarto. Grande Amore, Garza e Hilario Rodeiro son finalistas da categoría de Electrónica e, no caso do Metal, os afortunados foron os grupos Arrhythmia, Grima e Teima. 

No apartado de Música Clásica e Contemporánea son finalistas 2022 Samudra Trío, Katerina Linke e Fernando Abreu; en Jazz e Músicas Improvisadas, Xosé Miguélez 4tet, Orquestra Galega de Liberación e Valentín Caamaño.

Na categoría de Músicas do Mundo e Mestizaxe, resultado de fusionar as dúas existentes nas edicións previas dos premios, chegan á final dos mesmos, Catuxa Salom, Nebra e Sheila Patricia.

En Música Tradicional, Airiños da Freba, Cántigas e Frores, e Os da Porfía foron os nomeados na tarde do mércores 14, e en Folk foi a quenda de Cuarteto Caramuxo, Oîma e Os d’Abaixo. Mamá Cabra, Pitusa Semifusa e Martiña Soñadora son os proxectos musicais dirixidos aos públicos noviños que resultaron finalistas na categoría Infantil; mentres que en Orquestras, Grupos e Música de Verbena a triada finalista é La Oca Band, Bicoia e América de Vigo, e en Bandas de Música Popular, a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda de Música Cultural de Salceda e A Banda de Lombás.

Os Premios Organistrum recuperaban nesta novena edición o seu proceder habitual tras a pandemia. Na categoría de salas, A Arca da Noe (Vilar de Santos), Sala Karma (Pontevedra) e Sala Rebullón (Mos); na de festivais, Festival de Ortigueira, Canteira Fest (Vilaboa) e Canjazz (Cangas). Os Espazos de Comunicación Musical que chegan á final dos premios son Ondas Indies (Radio Galega), A Xente de Teo e Descúbreas.

Fuxan os Ventos recolle o honorífico

Fuxan os Ventos celebra o seu 50 aniversario na música neste ano 2022 e os Premios Martín Códax da Música entregaranlle ao grupo o galardón honorífico da súa novena edición. Considerados pioneiros e baluartes da música en galego, Fuxan os Ventos constitúe un proxecto histórico, refrendado non só pola crítica e o propio sector musical, senón  ademais polo gran público. A súa música chegou a milleiros de persoas e puxo a canción en galego en boca de varias xeracións.


Fuxan Os Ventos | © Premios Martín Códax da Música

Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos Premios Martín Códax da Música, destacan que Fuxan os Ventos “non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só á intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores senón tamén á Galicia de orixe rural”.

Se ben Fuxan os Ventos para a súa actividade a finais dos oitenta, volveremos a escoitar a música do grupo no século vinte e un. Especial foi o seu regreso aos escenarios en 2008 coa xira “Terra de soños”, que daría lugar a un novo disco publicado ao ano seguinte. Desde aquela non ficaron inactivos e  lanzaron nos últimos anos algúns temas vinculados a autores como Manuel María e María Victoria Moreno.

Integran Fuxan os Ventos: Antón Castro, zanfona, mandolina, voz, Xosé Vázquez, percusión tradicional e voz, Pedro Lucas, gaita, frautas e voz, Xoan L. Fuertes Saavedra, buzuki, guitarra, violín e voz, Carmen Vázquez, voz, Tereixa Novo, voz, Maruxa Fociños, voz, Alfonso Fernández, voz, e Moncho Díaz, voz, guitarra, frautas.

Os Premios Martín Códax da Música, promovidos por Músicas ao Vivo, está patrocinados polas Bodegas Martín Códax e contan co apoio do Concello de Pontevedra, Agadic-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

Está pasando!