A Guarda acolle o vindeiro sábado 29 de abril o Concerto de Primavera

21 Abril 2023

O Auditorio de San Benito da Guarda acolle o sábado 29 de abril ás 20:00 horas o Concerto de Primavera, un evento musical que contará coa participación do Coro Cantábile, o Coro da Terceira Idade e Pensionistas da Guarda, a Coral Polifónica da Guarda e a Agrupación Musical da Guarda.

Nesta ocasión realizarase a estrea do pasodobre galego ‘A Guarda’ composto por José Luís Represas, unha composición que, de seguro, emocionará a todos e todas as presentes neste concerto e que en palabras do seu autor “este pasodobre, utiliza formas musicais do folclore galego tan recoñecibles como a alborada, a muiñeira ou a canción popular, sendo a intención última  que este pasodobre poda ser cantado polo pobo”.

Nado en Xinzo (Ponteareas) dentro dunha familia de gran tradición musical, José Luís Represas Carrera é Licenciado superior en Composición, Saxofón e gaita polos Conservatorios de Vigo e A Coruña.

As súas composicións e transcricións (máis de 400) foron interpretadas polas máis diversas bandas de música de España e do estranxeiro. Dende o pasodobre Xinzo, a súa maior ocupación foi a composición de música para Banda.

O carácter do folclore galego está sempre presente, non só polo amor á nosa cultura, sobre todo, para competir dende a singularidade da nosa Música popular con gran desenrolo na composición orixinal para banda que ten producido nas últimas décadas.

O principal obxectivo da música de Represas é a de entreter e emocionar, condicións básicas en calquera obra, a un público que, afortunadamente, cada vez ten máis ofertas lúdicas e culturais.


Está pasando!