A Guarda amplía ata este venres o prazo de inscricións para a Escape Room de Igualdade

29 Marzo 2022

As actividades programadas polo Día Internacional da Muller estenderanse ao mes de abril de 2022, deste xeito o sábado día 2 de abril ás 17:00h, terá lugar o Escape Room de Igualdade, polas rúas da Guarda, dirixido a público familiar.

Esta proba está recomendada a partir dos 12 anos en diante debido aos coñecementos necesarios (culturais, de estratexia…) aínda que non é excluínte. Tratase dunha actividade que se desenvolve en grupos, que deberán integrarse cun mínimo de 3 persoas e un máximo de 5, chegando a un total de 15 grupos como máximo.

A actividade terá como base a Praza de Avelino Vicente e desenvolverase na zona vella e no Castelo de Santa Cruz. Explicarase inicialmente a dinámica da actividade aos participantes, as regras da mesma, así como a resolución das posibles dúbidas que lles poidan xurdir ás persoas participantes. Unha vez repartido o material para cada equipo, comezará a proba, saíndo todos os equipos ao mesmo tempo.

En primeiro lugar os equipos deberán localizar, coa axuda dun mapa, diferentes puntos de control distribuídos polo contorna da zona vella da Guarda e o Castelo de Santa Cruz. No seu itinerario deberán atopar certa información que será vital para a seguinte parte da proba. Acabar o antes posible outorgará aos equipos máis tempo para superar a seguinte fase. Esta parte terá unha duración aproximada de 30 minutos, cunha distancia total a percorrer aproximada de 2-3Km e un nivel de esixencia medio-baixo. Para iso, as/os participantes contarán cun plano da vila.

Na terceira parte da proba os equipos volverán á Praza de Avelino Vicente, onde se desenvolverá unha proba sonora grupal. Cada equipo contará con numeroso material gráfico en forma de debuxos, imaxes, palabras, números…, paralelamente unha gravación deseñada para a ocasión acompañaraos en todo momento, e será a clave para resolver a proba, apoiándose nas pistas que conseguiron na fase anterior. O obxectivo final é conseguir a combinación numérica coa cal abrir a caixa forte e o código de 6 letras para abrir o críptex.


As persoas interesadas en participar na actividade poden presentar a solicitude de forma presencial  na conserxería (punto de Información) do Concello da Guarda (Casa dos Alonso) en horario de 8:00h a 15:30h. e no centro cultural  en horario de 17:00 a 20:00h. ou a través do seguinte correo electrónico: conserje@aguarda.es (pode descargarse  o modelo de solicitude da páxina web do Concello).

No caso de menores de idade non acompañados, deberan presentar autorización asinada polas súas proxenitoras/es ou titoras/es.

As inscricións amplíanse ata o venres día 1 de abril, día no que tamén publicarase a listaxe dos equipos admitidos na páxina web do Concello e comunicarase a través do e-mail que se facilite na solicitude, así como a listaxe de suplentes.

Está pasando!